Concellos da comarca da Coruña comezan a aplicar restricións pola seca

Baldeo nas rúas do concello de Culleredo, esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)
Inés Rei remitiu unha carta aos alcaldes da área con recomendacións para un "consumo racional e responsábel dos recursos".

Os concellos da comarca da Coruña comezaron onte a aplicar restricións pola seca. O Goberno herculino remitiu unha serie de recomendacións aos municipios que se abastecen do encoro de Cecebre —Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada— propondo e chamando á "colaboración cidadá" fronte á escaseza de auga, pois se ben está aínda a 60% da súa capacidade, fica por baixo dos niveis de anos pasados e provocou a declaración de prealerta de seca.

Entre elas, solicitou reducir os baldeos e limpezas de edificios municipais, así como rego; limitar o enchido de piscinas; fechar instalacións ornamentais e decorativas, e prohibir o lavado de coches fóra dos estabelecementos autorizados.

Desde Cambre, García Patiño reclamou o transvasamento de auga como "solución a esta problemática", e precisou que este proxecto "leva anos pendente pola falta de interese das administracións con competencia nesta materia". O alcalde considera "inxusto que teñan que ser, unha vez máis, os veciños e veciñas os que teñan que limitar o seu consumo de auga pola inoperancia dos organismos correspondentes".

E no concello veciño de Culleredo, o rexedor, José Ramón Rioboo, aposta pola toma de medidas conxuntas entre os concellos que captan auga do encoro de Cecebre ante a situación de seca prolongada decretada pola Xunta da Galiza.

A auga do devandito encoro fornece varios municipios da comarca, como é o caso de Culleredo, polo que Rioboo considera "lóxico e sensato" que as limitacións sexan semellantes en todo o territorio.

Neste senso, avanza que o Concello de Culleredo fixará as restricións no consumo que determinen o Concello da Coruña e Emalcsa, como responsábel da distribución da auga e titulares do encoro.

Tamén apunta que algunhas das medidas xa avanzadas polo Goberno herculino manteranse, como a redución dos riscos en zonas públicas e privadas ou dos baldeos e limpezas. E poderá limitarse o enchido de piscinas e a actividade das fontes ornamentais.