SOCIAL

O concello xa non se atreve a asegurar a continuidade das touradas na Coruña

Manifestación antitaurina na Coruña

A protesta social e o ridículo número de espectadores levan ao goberno local a deixar no aire a celebración o próximo ano destes espectáculos, imposíbeis de soster sen as discutidas axudas públicas.

A celebración de touradas na Coruña pode chegar ao seu fin logo de máis de vinte desde que o goberno de Francisco Vázquez volvera a organizalas hai algo máis de dúas décadas. O aumento das protestas na cidade en contra destes espectáculos así como o rexeitamento ou desinterese maioritario forzan a que o goberno local do PP xa non se atreva a asegurar publicamente que volverán a ter un oco no calendario 'festivo' de 2014, tal e como desvelou a concelleira Ana Fernández.

 

Na posíbel -e desexada por amplos sectores- desaparición das touradas na cidade tamén tería un papel central o ridículo número de espectadores que reúnen, tal e como se comprobou na última feira, coas bancadas do Coliseo practicamente baleiras. É por iso que a empresa que organiza o evento xa anunciou a súa intención de renunciar aos dous anos de prórroga de contrato aos que ten dereito, posto que considera imposíbel obter beneficios económicos, que só pasarían por engadir á subvención indirecta do concello -de 90.000 euros- outras directas que lle permitan sumar ingresos, algo ao que non parece disposto o goberno local e que de producirse causaría un terremoto político na cidade. No entanto, sectores da burguesía coruñesa xa presionan para que o concello retome as subvencións para manter a feira, malia a evidencia de que na conxuntura actual existen destinos de maior prioridade para os cartos públicos.

 

Deste xeito e ante a falta de apoio popular para as touradas, complicado será que ningunha outra empresa acepte facerse cargo da súa organización na Coruña, o que unido á crecente mobilización en contra destes espectáculos achega a posibilidade de que a cidade deixe de acoller os custosos e discutidos eventos taurinos.