“Concello de Vigo e Vitrasa negan a tarxeta social ás perceptoras do Ingreso Mínimo Vital”

Autobuses de Vitrasa

Denúnciao a ODS de Coia.

“Seis meses de Ingreso Mínimo Vital (IMV) e o Concello de Vigo aínda non foi quen de garantir que as beneficiarias desta renda accedan á tarxeta social de Vitrasa”. É a denuncia que fan desde a Oficina de dereitos sociais (ODS) de Coia, en Vigo.

“Quen cobra a Risga ou unha Pensión Non Contributiva pode acceder á tarxeta social, mentres que as -escasas- beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital teñen que pagar o transporte público”, lamentan.

Montar nun Vitrasa custa 1'35€ por viaxe, 0'89€ para quen teña a Passvigo. Existen bonificacións para algúns colectivos: universitarias (0'67€), estudantes (0'87€), perceptoras de subsidios por desemprego ou RAI (0'69€). As pensionistas non pagan.

“Dentro do colectivo de pensionistas atopamos ás perceptoras da Risga, así como ás beneficiarias da extinta prestación por filla á cargo da Seguridade Social que desapareceu coa chegada do IMV. Para acceder a tarxeta social as solicitantes teñen que acudir ás instalacións de Vitrasa ou á Casa do Concello e presentar a documentación requirida. Cada ano teñen que renovar a tarxeta entregando os documentos pertinentes.”

O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecía que 7.210 fogares galegos percibían o IMV, no mes de outubro, dos cales 2.278 estaban na provincia de Pontevedra. “Tirando polo alto, ao redor de 2.000 beneficiarias viven en Vigo e non poden acceder á tarxeta social do autobús por mor da desidia, desinterese ou xa non sabemos como tachar a postura do Goberno municipal”.

ODS reclama a “urxente modificación da ordenanza” para que as beneficiarias do IMV poidan acceder á tarxeta gratuíta de autobús.