O Concello de Vigo exclúe das axudas municipais a persoas que perciban outras prestacións

Graffitti en Vigo [Imaxe ODS_Coia]

Fixa como condición que as persoas perceptoras non poden contar con "prestacións públicas que poidan percibirse periodicamente".

 

O goberno de Vigo, en mans do PSOE, vén de publicar o Programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social para o ano 2016. No seu prego de condicións para que poidan ser solicitadas as axudas introducen unha novidade a respeito do pasado ano. E é que non se tramitarán aquelas que procedan de persoan con prestacións públicas periódicas concedidas por outras institucións como a Risga ou axudas municipais puntuais para facer fronte ao pagamento dos recibos da auga e/ou da luz. 

No concreto, o Programa especifica que “en ningún caso constitúen un complemento ordinario do importe das prestacións públicas que poidan percibirse periodicamente (RISGA, PNC, pensións, prestacións por desemprego...), polo que non serán atendidas as solicitudes reiteradas de axudas para os mesmos conceptos”.

Aliás, acrecenta que será causa de denegación da axuda o feito de "non ter utilizado as canles que outras Administracións teñan establecido para atender este tipo de necesidades". 

ODS-Coia:  "É unha declaración institucional que nos condena á pobreza e á precariedade"

Desde a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia) denuncian que "o concello está facendo, na práctica, que familias e persoas que malviven cunha RISGA ou cunha RAI,… que non chegan  a fin de mes, pola escasa contía deste tipo de prestacións, non poidan acceder a este modelo de axudas". 

Porén, aseguran que "de maneira extraoficial" as traballadoras dos servizos sociais municipais xa viñan rexeitando solicitudes cando as persoas solicitantes percibían, por exemplo, unha Renda de Inserción Social de Galiza (Risga). 

Neste senso, ODS-Coia asegura que o novo programa é "unha declaración institucional que nos condena á pobreza e á precariedade. Un novo atranco para a cidadanía que peor o pasa. Un programa municipal cada vez máis restritivo e miserento".