O Concello de Teo e a veciñanza de Casalonga estudan levar ante a Xustiza a últimas resolucións da Xunta sobre a canteira

Pancarta da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos na Alameda de Compostela o pasado mes de xuño (Foto: Europa Press).
A plataforma Casalonga Limpa de Residuos acusa o Goberno da Xunta de esperar ao mes de agosto para "traizoar" a veciñanza e "marchar de vacacións" tras aprobar un plan de restauración "cheo de irregularidades, vaguedades e inconcrecións" que abre a porta a que a empresa o modifique no futuro para empregar a canteira como vertedorio.

A Xunta da Galiza vén de aprobar a resolución de autorización do Plan de restauración da concesión da explotación de Casalonga e a resolución pola que se declara a necesidade de ocupación dun ben necesario para os traballos desta explotación mineira, unha pista municipal que cruza o espazo da canteira e contra cuxa apropiación xa se mobilizou a cidadanía o pasado mes de xuño.

Esta segunda feira o Boletín Oficial da Coruña publica o anuncio da expropiación. Tras advertir esta última notificación, o COncello de Teo avanza que levará ao xulgado as últimas decisións da Xunta unha vez revisada toda a documentación dispoñíbel.

Desde o Goberno municipal entenden que a Xunta volve actuar de novo en favor dos intereseses empresariais cunha folla de ruta e tempos marcados, tentando menospreciar as partes implicadas neste procedemento, a Administración local e a veciñanza.

"Xa sorprende pouco e só nos reafirma na necesidade de mantérmonos firmes na loita contra os atropelos", asegura nun comunicado. Así, desde o Concello confirman que defenderán a titularidade da vía que a Xunta quere expropiar "para facilitarlle as cousas a Toysal" ademais de recorrer a aprobación dun Plan de restauración que carece das mínimas garantías dunha tramitación administrativa axeitada.

Irregularidades

A este respecto, a plataforma veciñal Casalonga Limpa de Residuos censurou a iniciativa da Xunta en pleno mes de agosto mais a vontade da Administración galega de "axudar" a empresa concesionaria da mina dando por bo un "plan cheo de irregularidades", que cualifica de viábel "restaurar un oco mineiro gastando 25 céntimos por metro cadrado, incluíndo o remodelado de noiros, a necesidade de traer terra do exterior, o acopio e sementeira de terra existente durante 30 anos, a eliminación de pistas e a plantación de arboreda".

O plan, sinala a veciñanza, obvia a existencia da lagoa e do ecosistema estabelecido na contorna de Casalonga. Acusa a Toysal de deixar fóra as zonas que non lle interesan e a Xunta de habilitar a empresa a baleirala sen "un plan de contención e protección das especies existentes, matando de inmediato miles de peixes, anfibios e aves" que habitan no lugar. Unha "catástrofe ecolóxica", anuncia froito dun plan de restauración sen declaración de impacto ambiental que xustifique cada intervención, engade o Concello, algo do que "a empresa escapa", recalca.

Sobre a pretensión da Xunta de "converter" a vía municipal nun camiño privado que agora busca expropiar en favor de Toysal, o Concello de Teo advirte da "intención de facilitar que a empresa poida actuar con máis impunidade".

Impedir a expropiación do camiño municipal

"O feito de que exista un viario municipal nesa zona en ningún caso impide a actividade mineira mais o feito de tentar eliminalo facilita que a actividade que se vai realizar alí teña menos control externo", comenta, por iso vai seguir defendendo o carácter que se lle outorgou a ese camiño a través da concentración parcelaria, sobre o que, como titular, estivo realizando traballos de mantemento.

Concello e veciñanza coinciden na vontade acudir aos xulgados co fin de paralizar a expropiación da vía municipal mais de deter calquera esforzo da empresa por maltratar a canteira.