O Concello de Santiago recibe Sandra Garrido e Manu López, "orgullo e dignidade" de representar o pobo galego contra o xenocidio en Gaza
Os dous galegos integrantes da flotilla Global Sumud reivindicaron a forza da sociedade civil organizada para pórlle fin ao xenocidio en Gaza.
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e membros da Corporación municipal, recibiron esta quinta feira no Pazo de Raxoi Sandra Garrido e Manu López, integrantes da flotilla Global Sumud, tras ser liberados despois de pasar días detidos por parte de Israel.
Goretti Sanmartín agradeceu a ambos os dous activistas a dignidade coa que representan o pobo galego e chamou a "berrar que xa abonda" para poñer fin a actual "situación de total inhumanidade" que sofre Palestina.
"Non podemos seguir vendo polos medios de comunicación como están asasinando crianzas, asasinando palestinos e palestinas un día si e outro tamén. Isto ten que ser un antes y un despois", engadiu a rexedora, quen subliñou o respecto e admiración pola compostelá Sandra Garrido e o pontevedrés Manu López. "Sodes un orgullo total e continuaremos apoiando como administración municipal", manifestou.
Sandra Garrido puxo de manifesto a forza da sociedade civil organizada para parar o xenocidio en Gaza e instou as administracións a seguir este mandato. Neste sentido, valorou a implicación do Concello compostelán. "Para nós vir ao Concello de Santiago non é un acto protocolario. É un acto que tiñamos que facer de devolución de todo o apoio que sentimos", asegurou
Ademais, Manu López falou de "sensación agridoce" por ver, por unha parte, "como as rúas están empezando a exercer os seus dereitos e obrigas como cidadáns e seres humanos", e por outra, como "continúan asasinando cada día en Palestina". "Temos unha oportunidade histórica e debemos ser capaces de utilizala".
Na recepción participaron xunto coa alcaldesa, a portavoz municipal, Míriam Louzao; a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas; o portavoz, do grupo socialista Sindo Guinarte; e os concelleiros non adscritos Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños.