A activista da Flotilla a Gaza Sandra Garrido chega a Galiza ao berro de 'Palestina Libre'

Sandra Garrido a súa chegada a Galiza acompañada de activistas Palestinas. (Foto: Arxina)
A activista galega Sandra Garrido, integrante da Flotilla Sumud Global, chegou esta cuarta feira a Santiago, após ser secuestrada, xunto aos demais activistas, entre eles o galego Manu López, por Israel na madrugada da pasada quinta feira cando navegaba cara a Gaza.

A avogada Sandra Garrido Fernández, vinculada ao activismo social na Galiza, foi a representante na delegación galega de Global Movement to Gaza-Galiza (GMTG) na Flotilla Sumud Global, que partiu o 31 de agosto desde o porto de Barcelona rumbo á Faixa de Gaza, onde se reuniu con outras embarcacións chegadas de Tunes e Sicilia, para "romper o bloqueo imposto por Israel".

Garrido, após ser retida polas autoridades israelís, foi trasladada ao centro penitenciario de Saharonim, na área do Naqab, no sur de Palestina. Alí, iniciou unha folga de fame, xunto con outras 22 activistas de diferentes nacionalidades, para denunciar o bloqueo e o asedio a Gaza. Esta segunda feira a activista galega foi deportada polo Estado de Israel.

As primeiras palabras de Garrido a súa chegada a Galiza foron "Palestina Libre". Foi recibida por unha multitude de xente, entre elas Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago. Sobre o trato recibido por Israel expresou que "o peor exército do mundo, o máis cruel, tratounos mal, moi mal", lembrando que a activista Reyes Rigo continua detida. "Estana acusando de cousas falsas, ao igual que acusan todos os palestinos de ser terroristas, incluso a nenas de curta idade", afirmou a activista galega. 

No que ten que ver co apoio institucional denuncia que o acompañamento do Goberno español "era falso". Para Garrido, a Flotilla serviu para ver  "que a sociedade civil organizada somos quen de mobilizarnos e facer que o mundo desperte". Porén, considera que o obxectivo non foi realizado, mais afirma que "non pararemos até que  a misión se cumpra". Por último, a integrante da flotilla fixo un chamamento a secundar "folga xeral o día 15"."

Sandra Garrido, xunto con Manu López, o outro galego que formaba parte da misión humanitaria, atenderá esta quinta feira os medios con máis detalle nunha rolda de prensa convocada na Libraría Lila de Lilith, en Compostela. Nela, os activistas estarán acompañados de representantes de organizacións galegas que forman parte do tecido social e doutros colectivos de solidariedade coa Palestina. Así mesmo, o Concello de Compostela acolle esta quinta feira nunha recepción oficial, presidida pola alcaldesa Goretti Sanmartín, a Sandra Garrido. 

O Exécito israelí ataca tamén a nova Flotilla

A nova Flotilla, composta por 11 barcos con destino á Faixa de Gaza, denunciou esta cuarta feira que o Exército de Israel asaltou todas as súas embarcacións en augas internacionais, a uns 200 quilómetros da costa de Gaza. 

Denuncias por despregar a bandeira de Palestina

A asociación de ultradereita e proisraelí Acción e Comunicación sobre Oriente Medio (ACOM) presentou unha denuncia na Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte ao considerar que o Celta e outros equipos de fútbol permitiron "símbolos, pancartas e mensaxes políticos de carácter antisemita" ao se despregar bandeiras palestinas nos estadios.

O Congreso español aproba o embargo de armas a Israel

O Pleno do Congreso español apobrou esta cuarta feira o decreto lei do embargo de armas a Israel, que se tramitará como Lei, abrindo as portas a introducir mudanzas nos seus artigos, como reclaman varias das forzas que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez.  En concreto, o decreto foi validado co voto de 178 deputados do PSOE, Sumar, BNG, ERC, Junts, Bildu, PNV, Podemos, Compromís e Coalición Canaria. 

Pola contra, o PP e Vox votaron en contra, mentres que UPN se abstivo. O voto de Podemos non foi seguro até o último momento, posto que a formación non anunciou a súa decisión até poucas horas da votación ao considerar que era "embargo fake"  por ser un "coador polo que se filtra a complicidade do Estado español cos xenocidas". 

Outras forzas, como o BNG, consideraron que o recollido no decreto é insuficiente, polo que exixen unha tramitación do decreto como proxecto de lei para introducir novos artigos e mudanzas. Todos os grupos parlamentarios respaldaron que está tramitación sexa de urxencia, menos o PP que votou en contra.

"Insuficiente, mais un paso"

En concreto, o deputado do BNG, Néstor Rego, votou a favor ao considerar que "é un paso insuficiente, mais é un paso".