O Concello de San Cibrao das Viñas terá que pagar un millón de euros por verteduras ao Barbaña

Imaxe dunha zona do río Barbaña. (Foto: Amigos da Terra)
Transcende que o Goberno español impuxo unha multa ao Consistorio polas augas contaminantes que chegaron a este río, xa moi castigado ao longo dos anos.

O Goberno do Estado español vén de estabelecer unha multa dun millón de euros para o Concello de San Cibrao das Viñas polas diversas verteduras realizadas ao río Barbaña ao seu paso polo municipio.

Este río pertencente á conca que xestiona a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa sufriu distintos episodios de contaminación no pasado, mais é agora cando xurde efecto unha denuncia das entidades Amigos da Terra e Ríos Limpos.

Estas acusaron o Consistorio de estar deixando que as augas residuais foran ao leito do río polo que a Miño-Sil, que depende do Estado, decidiu abrir unha investigación por se procedía multar á entidade municipal.

Após analizar os case 20 episodios denunciados, que aconteceron entre xuño de 2018 e xaneiro de 2020, nunha "zona protexida", haberá multa.

En concreto, das arcas municipais debería saír un millón de euros pola sanción ademais de 185.000 euros para indemnizar ao dominio público hidráulico.

O Consello de Ministras desta terza feira confirmou a sanción ao municipio, cuxo goberno, tras coñecerse o expediente aberto polo organismo de conca, denunciou unha "persecución política" contra o concello, que xa foi multado noutras tres ocasiones por verteduras ao Barbaña nos últimos anos.

Nun comunicado, Amigos da Terra tiña sinalado que existía unha autorización de verteduras do ano 2004 fronte á que, para a Confederación Hidrográfica, o Concello incumpriu as condicións estabelecidas nela ao "superar os límites máximos de emisión".