O Concello de San Cibrao das Viñas enfróntase a un expediente pola contaminación do Barbaña

Imaxe dunha zona do río Barbaña. (Foto: Amigos da Terra)
Os colectivos Amigos da Terra e Ríos Limpos denuncian a existencia de até 18 verteduras ao río entre 20218 e principios de 2020.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vén de abrir un expediente sancionador ao concello de San Cibrao das Viñas polo rexistro de perto de 20 verteduras ao río Barbaña acaecidas entre os meses de xuño de 2018 e xaneiro de 2020. A entidade ecoloxista Amigos da Terra, xunto coa plataforma Ríos Limpos, estivo detrás da denuncia sobre a contaminación nunha "zona protexida".

Ademais destes colectivos, persoas particulares criticaron os 18 episodios de vertido contabilizados. Amigos da Terra estima que todos eles implicaron danos cun custo de 184.745 euros.

Ese sería o montante económico derivado das "afectacións no dominio público por derramar deterxentes".

Nun comunicado, o colectivo destaca que existía unha autorización de verteduras do ano 2004 fronte á que, para a Confederación Hidrográfica, o Concello incumpriu as condicións estabelecidas nela ao "superar os límites máximos de emisión".

Así, desde a plataforma ecoloxista reprochouse ao municipio ourensán unha conduta "antijurídica" e legalmente tipificada como "moi grave" xa que fora sancionado polos mesmos motivos noutras ocasións desde 2006.

En concreto, impúxoselle unha sanción dun importe maior a 114.000 euros por unhas verteduras realizadas en marzo de 2010, xunto a algúns de decembro de 2010 por importe de 32.832 euros, entre outros.

Amigos da Terra afirmou que este tipo de sancións "constitúen unha parte da educación ambiental necesaria" co fin de "previr" actos contaminantes, ao que suman tamén como necesidade unha "concienciación e sensibilización" que "non mostran" as administracións galegas.

Adicionalmente, pediron aplicar outras sancións como a revogación de autorizacións ou o peche de determinadas instalacións e cualificaron á depuradora de San Cibrao de "inútil" para alegar que debe ser substituída por unha nova que se adecúe ás "necesidades presentes e futuras".