Xustiza

Un Xulgado do Porriño ordena ao Concello pagar á Comunidade de Montes ingresos da renda de canteiras

Canteira de Atios, no Porriño. (Foto: Europa Press)
O Goberno local lembra que o TSXG non estabeleceu datas e asegura que é agora o momento de fixalas en execución de sentenza.

O Xulgado de Instrución número 3 do Porriño (comarca de Vigo) vén de condenar o Concello a abonar á Comunidade de Montes de Atios todas as cantidades percibidas, a través de contratos de arrendamento, polas parcelas das canteiras situadas en monte comunal desde febreiro do 2018 até novembro de 2022. Así se desprende da resolución asinada o pasado 4 de setembro pola maxistrada do devandito xulgado, Raquel Casas, que resolve a demanda de execución presentada pola Comunidade de Montes, tras a sentenza firme de Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) do 14 de novembro de 2022.

Tal como informou a Comunidade de Montes, na actualidade descoñécense as cantidades endebedadas, pois terá que ser o Concello do Porriño, nun prazo de dez días, o que informe do canon cobrado polas canteiras durante eses anos.

"O alcalde —Alejandro Lorenzo Alonso, do PP—, en primeiro lugar, e os funcionarios municipais, polo seu mandato, ten a obriga de presentar todas esas contas no xulgado. Será aí cando teñamos unha idea do diñeiro que o Concello cobrou ilegalmente desde que había xa unha sentenza que declaraba as canteiras como monte comunal", engadiron os comuneiros.

Así mesmo, o auto insta o Goberno local a deixar libre de forma "inmediata" a parcela da antiga astilladora, que aínda segue ocupada polos servizos municipais, "incumprindo durante case un ano o mandato xudicial".

"É lamentábel que unha vez máis a Comunidade tivese que percorrer á vía xudicial para exixir o cumprimento dunha sentenza dos tribunais, pero non nos quedou outra opción ante a actitude arrogante e neglixente do actual Goberno", criticou a Comunidade de Montes de Atios.

Desta maneira solicita ao alcalde, Alejandro Lorenzo, que "non cometa o mesmo erro de desprezar aos comuneiros de Atios" e que cumpra co mandato xudicial.

Resposta do Concello

Ante esta situación, o Concello saíu ao paso lembrando que a sentenza do TSXG unicamente recoñece a titularidade con respecto ás parcelas reclamadas, pero "en ningún momento estabelece unha data concreta desde a cal a Comunidade teña dereito a percibir os canons por esas explotacións".

Desta maneira, fontes do Goberno local citadas pola axencia Europa Press explicaron que é agora o momento de discutir desde cando se van a pagar eses canons. "Non existe ningunha nova sentenza ou condena", subliñaron.