O Concello de Pontevedra declara a TVG ''medio de comunicación partidista e hostil''

TVG

A moción levada a pleno polo Bloque saiu adiante co apoio do grupo municipal do PSdG e nela reprochan da canle de televisión nacional a "utilización partidista" dos espazos informativos para ofrecer unha imaxe "negativa" da cidade


A Televisión de Galiza foi declarada "medio de comunicación partidista e hostil" en Pontevedra. Así o acordou o pleno do Concello ao quitar adiante unha moción presentada polo grupo municipal do Bloque que contou co apoio do PSdG e en que se queixan do tratamento "negativo" que a cidade do Lérez recibe nos espazos informativos da televisión nacional.

"É a TVG a que lles marca esa liña a vostedes ou son vostedes os que lla marcan a ela?", preguntou o concelleiro nacionalista Luís Bará antes de encetar o debate sobre a moción lamentando que non estivera presente ningunha equipa do ente público no salón de plenos.

"Isto acontece porque non cobren o acto máis importante desta corporación", sinalou, lamentando o peche da delegación da CRTVG en novembro de 2010. Desde aquela, dixo, non só non se dá información dos actos máis importantes de Pontevedra nos informativos senón que "as únicas novas que se dan están relacionadas cos sucesos". 

Ocultamento da información do Concello, cobertura de supostas denuncias veciñais

Segundo o texto da moción, Pontevedra converteuse daquela na única capital dun territorio que non conta con delegación da televisión pública "e isto tivo como consecuencia unha importante merma, en cantidade e calidade" da cobertura da actividade institucional, social, económica e cultural que dá de si a cidade do Lérez. 

A moción vai máis aló e achaca á TVG "o silenciamento" de acontecementos que son destacados noutras canles, españolas e de titularidade privada, como a recollida do premio Intermodes en Bruxelas, o acordo da paga complementaria de decembro @s traballador@s do Concello, a solidariedade da corporación que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores con estafad@s das preferentes ou o programa RedeAxuda.

A concelleira do PP di que a delegación de Pontevedra ''pechou pola crise''

"E nos poucos casos nos cales se informa, ocúltase de maneira deliberada que se trata de iniciativas promovidas desde o Concello", gobernado polo Bloque. Por contra, destaca a ampla proliferación de noticias negativas, na maior parte dos casos denuncias veciñais "que son denuncias disfrazadas do grupo municipal do PPdG". 

Pola súa banda, o edil socialista Antón Louro apoiou a moción e solicitou a reapertuda da delegación e o retorno d@s profesionais que estaban a realizar a súa actividade na cidade, tal e como prometera a Xunta hai dous anos.

Foi a concelleira do PPdG Ana Isabel Vázquez quen fixo unha relación de medios de comunicación que botaron o feche e xornalistas que foron ao desemprego, botando a culpa á crise e negando a manipulación da televisión pública. A decisión adoptada en pleno será transladada á dirección da CRTVG, ao Consello asesor e á Xunta de Galiza.