O Concello de Ourense retirará a Policía Local do sistema VioGén de atención ás vítimas de violencia machista

[Imaxe: GZ Contrainfo] Manifestación de protesta contra as violencias machistas
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou esta terza feira a decisión do Goberno municipal de abandonar o sistema VioGén, que impulsa o Ministerio do Interior para o seguimento integral dos casos de violencia de xénero, e a consecuente retirada da Policía local da cidade deste protocolo de prevención e control.

 

A desvinculación farase efectiva o 22 de marzo de 2020, segundo informou o rexedor, quen alude á falta de "recursos suficientes" por parte do Concello. Pérez Jácome avanzou a retirada da Policía municipal deste sistema á saída da reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade. Segundo explicou, un único membro deste dedícase na actualidade aos labores vinculados coa violencia de xénero aos que se dirixe VioGén, no que participan os tres corpos policiais. En concreto, a Policía Local leva agora mesmos 31 casos no entanto que o 091 se fai cargo de 111 casos. "Está a darse mal o servizo", asegurou.

"A Policía Nacional e Autonómica poderán ocuparse diso, dado que teñen moitísimos máis recursos", sinalou o alcalde. Desde o Concello comprométense a "estudar a colaboración en caso de urxencias" e á "activación dun protocolo para que as vítimas de violencia de xénero teñan asistencia inmediata", ben sexa nunha casa de acollida ou nun hotel provisional.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, pola súa banda, lanzou unha mensaxe de tranquilidade ás máis de trinta vítimas de violencia de xénero que están a ser seguidas pola Policía Local na cidade. "Quero dicirlles publicamente que van dispor da mesma seguridade e protección desde o primeiro día en que a Policía Local desapareza deste convenio", declarou, e avanzou que "se se necesita incrementar un maior número de axentes para este labor, farase". "A protección de vítimas de violencia de xénero na cidade é unha prioridade", dixo.