O Concello de Ourense pospón o derrubo da vivenda de Reza previsto para este luns

(Foto: Anova Ourense)

A nova moratoria do Concello de Ourense chega un día despois de que a familia presentara unha querela contra o alcalde, Agustín Fernández.


O Concello de Ourense anunciou unha nova moratoria para o derrubo da vivenda de Reza. Despois de que se paralizara este xoves o primeiro intento pasado por un defecto de forma, tampouco se levará a cabo o día 8, cando estaba prevista, segundo informa ‘La Voz de Galicia’.

A decisión chega un día despois de que o a familia presentara unha querela por dous presuntos delitos de prevaricación contra o alcalde, Agustín Fernández. Consideran que se ordenou o derrubo pese a non contar coa licencia para o proxecto, polo que a querela podería estenderse a funcionarios que tramitaron o expediente.

O rexedor socialista solicitou novos informes aos técnicos municipais e aprazou a data até coñecer os detalles. A familia afectada continúa buscando unha alternativa mentres desaloxa a vivenda. 

Apoios sociais

Ducias de persoas acudiron até a morada o pasado xoves e instaláronse no seu interior para tentar frear a destrución da vivenda, unha peza de vangarda ideada polo arquitecto Fernando Blanco. Nos últimos días, divers@s artistas de Galiza tornaran a vivenda nun museo achegando múltiples obras de arte ao seu interior á fin de evitar que a sentenza se executase. Da mesma maneira e através da sinatura dun manifesto, 59 arquitect@s de todo o país reclamaron ao Concello de Ourense que frease o derrubo que "vai truncar dramática e inutilmente a vida da familia".