O Concello de Compostela notifica a sanción ao gandeiro da Sionlla e reclámalle 500 euros por "ensuxar a vía pública"

Atribúe a multa aos prexuízos causados polas bostas das súas vacas á veciñanza e á "obriga" do gandeiro de "evitar e previr a suciedade". A resolución mesmo chega a ser de catro folios con inclusión de "informes policiais". 

 

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago resolveu a sanción imposta contra Jorge Piñeiro, o gandeiro da Sionlla denunciado por un dos seus veciños polas bostas das súas vacas ao paso por unha vía pública no camiño até o prado onde desenvolve o pastoreo. 

Segundo a notificación remitida a Piñeiro, e á que tivo acceso Sermos Galiza, a administración local considera o feito denunciado como unha "infracción leve" ao abeiro da ordenanza municipal de convivencia, residuos e limpeza viaria. Neste senso, exixe o pagamento dunha multa de 500 euros ao gandeiro e após tombar as alegacións presentadas por Piñeiro. 

Denuncias veciñais

Nos catro folios que compoñen a resolución, o goberno municipal debrúzase sobre as razóns legais que motivan a sanción após a denuncia interposta por un dos veciños de Jorge Piñeiro. Aliás, adxúntanse os "informes emitidos pola Policía nas inspeccións realizadas a requerimento veciñal", indica o texto. Nel, tamén se dá conta do número de cabezas de gando do propietario, corenta, e do presunto delito cometido polo rexedor da explotación: os animais "ensuxan" a vía "cos seus excrementos" fronte á morada da que parte a denuncia, "ocasionando molestias aos veciños", conclúe. 

Neste senso, e de acordo co articulado da devandida Ordenanza de Convivencia, continúa a notificación, "ensuxar a vía pública como consecuencia da tenza de animais" constitúe unha "conduta prohibida" (artigo 66.1) embora, sinala, "non se cuestiona a posibilidade legal do tránsito polo vial".

Obriga o gandeiro a limpar as bostas

Destarte, embora recoñeceren desde o goberno local que o camiño "é eminentemente" de uso gandeiro e de "non existir reincidencia" na infracción, a equipa de goberno entende que na actitude de Jorge Piñeiro "non se manifesta vontade" en "proceder á limpeza da zona afectada pola suciedade". Un feito que, ao amparo da lexislación vixente, constitúe unha "obriga" para "as persoas físicas e xurídicas" en aras da "cooperación exixíbel" á veciñanza en materia de limpeza viaria.

Así pois, outórgalle o prazo dun mes para recorrer en reposición a multa imposta e 2 meses para o facer perante o xulgado do contencioso-administrativo antes de proceder ao cobro dos 500 euros. Aliás, ao longo do procedemento foron rexeitadas as alegacións presentadas por Piñeiro, quen defendeu o carácter agrario da vía e, ao tempo, manifestou que "a ordenanza" á que se acolle a sanción "vén referida a animais domésticos e non a animais destinados á produción de carne ou leite".