O Concello de Mos recibe cinco mil alegacións contra o proxecto do Celta

Asociacións cívicas e ecoloxistas presentaron as alegacións ao cambio de planeamento.
Perto de 5.000 alegacións presentaron onte perante o Concello de Mos as entidades e colectivos contrarios ao proxecto que impulsa nos montes de Tameiga o Real Club Celta de Vigo para a construción dunha cidade deportiva e un complexo de ocio e comercial de 120.000 metros cadrados. 

Representantes de boa parte destas organizacións, que inclúen plataformas ecoloxistas –Ecoloxistas en Acción, Verdegaia, Extinction Rebellion, Fridays for Future, Adega ou Greenpeace–, sindicais –CIG, CXT, UXT, CCOO e CUT– e grupos municipais na oposición en Mos –PSOE, BNG e GañaMós– sumáronse onte ás comunidades de augas, á comunidade de montes de Tameiga e á asociación veciñal Portela de Tameiga na súa campaña contra o "esperpento" e a "desfeita" que, aos seus ollos, supón o macrocomplexo proxectado en terreos de monte comunal. 

Coas súas alegacións, tratan de frear o cambio do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Urbana) necesario para desenvolver o proxecto. O expediente de modificación puntual do planeamento de Mos foi aprobado de forma inicial polo Pleno en setembro do ano pasado, cos votos en contra de toda a corporación agás o PP, que ten maioría absoluta, mais precisa ser referendado unha vez se resolvan todas as alegacións.

"Defensa ambiental"  

As 5.000 alegacións que comezaron a rexistrarse na mañá de onte súmanse a outras 14 que xa se presentaran no rexistro municipal dun concello cuxo censo de poboación apenas supera as 15.000 persoas. "A alcaldesa está conseguindo un récord de unión da xente contra o proxecto", salientou durante o acto organizado para presentar toda esta documentación o presidente da comunidade de montes de Tameiga, Antonio Caxide, quen emprazou o Goberno local a manter a súa palabra de non dar adiante á urbanización "se non hai consenso".

Pola súa banda, a asociación veciñal de Tameiga pediu que se preserve o monte por ser "unha defensa ambiental e non só un conxunto de piñeiros: dános aire no verán e no inverno para os temporais do mar". 

"Pedimos á alcaldesa que reconsidere a situación, non está a escoitar toda esa xente que di 'non' ao proxecto", demandou un dos representantes das catro comunidades de auga afectadas polo proxecto, quen advertiu de que o macrocomplexo "pon en risco a subministración de moita poboación". 

Tamén a asociación Verdegaia reclamou a retirada do cambio do PXOM e da modificación da Lei de Montes da Xunta, que abre a porta á expropiacións de terreos de monte comunal para desenvolvementos urbanísticos. "O único que se pretende, de maneira encuberta, é a privatización dos terreos da parroquia", denunciou a súa voceira.

Desde Ecoloxistas en Acción apoiaron "un progreso xusto e igualitario" fronte a ese outro "que enarboran os promotores desta desfeita urbanística, que foi o que trouxo esta crise climática". Tamén a CIG rexeitou "un proxecto especulativo que pretende destruír unha parte forestal importante en Mos". Na mesma liña, o portavoz de Extinction Rebellion e Fridays for Future defendeu os espazos "desde o común e para o común" nun "pulmón verde" pegado a un gran núcleo urbano como é Vigo. 

A eles sumáronse portavoces da CXT, os partidos da oposición no Concello de Mos e o Grupo Común da Esquerda, que piden a retirada do proxecto.