O Concello de Moraña decreta o mesmo loito para o presunto agresor e a vítima do crime de Campo Lameiro
O colectivo feminista As Moiras denuncia que o Goberno local do Partido Popular (PP) do Concello de Moraña (comarca de Caldas) decreta o mesmo loito oficial para a vítima e o agresor do crime machista de Campo Lameiro (comarca de Caldas).
A entidade considera "tremendamente indignante" que o Executivo do municipio de Moraña dea o mesmo tratamento ao maltratador e a súa vítima nos actos oficiais de loito convocados pola institución.
A asociación entende que dar o mesmo trato á vítima e ao agresor supón un "retroceso incalculábel no avance de toda a sociedade na loita contra a violencia machista".
O Goberno local de Moraña indicou que as bandeiras ondearán a medio mastro e suspenderanse todos os actos públicos durante estas tres xornadas, en sinal de loito "polos dous veciños desaparecidos".
As Moiras sinala que "as institucións públicas non poden deixar de visualizar desta maneira ás vítimas, cando deberían ser as garantes e o principal motor para a eliminación da violencia machista".
O colectivo indica que "non se pode ignorar" que a vítima figuraba no sistema VioGén con risco alto e tiña unha orde de afastamento vixente. Na mesma dirección, lembra que o agresor contaba cun amplo historial de antecedentes por violencia de xénero.
A asociación feminista reclama aos poderes públicos que se tomen "dunha vez por todas" a violencia machista como unha "prioridade política absoluta" impulsando medidas "serias, reais e efectivas".
"Non serven", apuntan desde o colectivo feminista As Moiras "as declaracións baleiras un día ao ano nin os lazos lilas mentres non se teña un compromiso total e real na loita contra esta violencia estrutural".
BNG
O BNG de Moraña cualifica como "indignante" e un "grave paso atrás" que se equipare o respecto cara a unha muller maltratada co seu "maltratador sistemático", poñendo ao agresor e á vítima "no mesmo nivel".