O Concello de Monforte decreta o corte total do tráfico na ponte de Piñeira polo colapso dun piar

Estado actual dos piares de apoio da ponte sobre o Cabe en Piñeira, advertido polo BNG local. (Foto: Nós Diario)
Foi o BNG de Monforte quen presentou unha iniciativa para cortar o tráfico e revisar o estado da infraestrutura.

O Concello de Monforte decretou o corte total do tráfico na ponte sobre o Río Cabe, na parroquia de Piñeira, após a detección, esta cuarta feira, dunha deficiencia que afecta a un dos piares da ponte, que perdeu o contacto cos puntos de apoio da plataforma do viaduto e colapsou parcialmente.

Así o informou o Concello nun comunicado no que indica que a decisión foi tomada após recibir o informe da empresa Extraco SA, contratada de urxencia para a reparación e revisión do viaduto. Ese documento recolle a necesidade "urxente" de ordenar o corte total do tráfico peonil e rodado.

A ponte está formada por unha plataforma sobre varios piares. A plataforma conta con dous puntos de apoio en cada piar, e está acompañada dunha estrutura de formigón armado.

Co peche da actividade, que até agora só era a vehículos pesados, o Goberno local busca garantir as condicións de seguridade "tanto para a reparación como para os vehículos e persoas que transitan sobre a mesma", sinalou o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, no comunicado.

Iniciativa do BNG

Foi unha iniciativa do BNG de Monforte a que levou a cortar de forma parcial o tráfico nesta ponte que cruza o río Cabe e contratar de urxencia unha empresa que revisase a ponte e elaborase un informe.

A esta hora da tarde, a Policía Local xa procedeu a cortar o tráfico da ponte e a reestruturar a circulación alternativa. Así, a sinalización de prohibición de tránsito xa está instalada, mentres que os sinais periféricos colocaranse nas próximas horas.

En concreto, os corpos policiais instalarán os seguintes paneis informativos de tráfico: no cruzamento de Piñeira en N-120A, sentidos entrada e saída de Monforte; nos puntos de entrada á ponte, por sur e norte; na entrada a Piñeira desde a estrada de Sober; no cruzamento de Piñeira en vía de Sober, tanto entrada como saída; e na entrada a Piñeira desde a estrada de Ourense.

Hai máis de dúas décadas, os medios xa recollían as queixas trasladadas pola Asociación de Veciños de Piñeira ao Concello, en xuño do 2001. A protesta instaba a revisar a ponte, pois sospeitaban que o proxecto de ampliación podía non revisar unha das zapatas da construción, que quedara sen reforzar nunha obra anterior.