O concello da Coruña privatiza o Faro de Oza, reclamado pola veciñanza para uso social

Faro de Oza

O goberno de Carlos Negreira cedeu a histórica instalación a un club marítimo, o que xerou unha campaña en contra do asociacionismo do barrio, que reclama un plan integral para a zona.

 

Entregarlle un recinto histórico a unha entidade privada. Esa foi a medida tomada polo concello da Coruña respecto do Faro de Oza, cuxa recuperación leva anos convertida nunha demanda da veciñanza do seu barrio, que agora retomou as mobilizacións pero en contra do que consideran “privatización” dun espazo público de grande valor e posibilidades para un uso social. 

Polo tanto, non foi aceptada a versión do goberno local do PP, que aseguro que cedía o Faro, sen uso desde hai anos, ao Club Marítimo O Puntal, para que este o xestionase de forma aberta. “Queremos que o seu funcionamento dependa dunha institución, non dunha entidade privada”, afirma Emilio Vega, da asociación de veciñ@s Oza-Os Castros-Gaiteira. Unha recollida de sinaturas está acompañando esta iniciativa, que tamén pide un “plan integral” para a zona, onde tamén están abandonadas as instalacións do estaleiro Valiño, que os habitantes do barrio consideran “recuperábeis” e temen que tamén sexan privatizadas, cando as cren útiles para o uso público. 

"Queremos que o funcionamento do Faro dependa dunha institución pública, non dunha entidade privada", di a Asociación do barrio

O Club O Puntal promete que o seu uso do Faro de Oza estará pensado para a colectividade, pero desde a asociación de veciñ@s lembran que para iso xa están as institucións. O Puntal, ademais, xa dispuxo de puntos de amarre nesa mesma zona. “Queda demostrado que cando queren, póñense de acordo sen problema ningún. Cando se trata de favorecer aos seus amigos, poñendo o patrimonio público ao servizo de entidades privadas para o seu beneficio, de contado chegan a acordos e convenios”, denuncia o asociacionismo do barrio en mención ao Concello e á Autoridade Portuaria. 

"Cacicada"

“O noso colectivo veciñal seguirá a reclamar que o patrimonio de todos e todas se poña ao servizo dos veciños e veciñas e dos colectivos sociais do barrio; seguiremos loitando polo Faro de Oza para que poida ter un uso social. Esta cacicada non freará as nosas demandas, todo o contrario, seguiremos pelexando contra esta decisión inxusta, arbitraria e, dende o noso punto de vista, posiblemente ilegal”, anunciou a Asociación de Veciñ@s nunha nota. As súas demandas xa atoparon eco na oposición en María Pita, por exemplo entre o BNG. E non se descarta sequera levar o asunto á Xustiza.