Mobilidade

O Concello de Compostela reformula o seu transporte público

Mosquera, Sanmartín e Duro, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
Bus nocturno, lanzadeira ao aeroporto, reforzo coas áreas empresariais e máis servizos no rural.

O  novo contrato de transporte público no que traballa o Concello de Compostela incluíra como novidades un servizo de bus nocturno de cuartas feiras a sábado, unha liña lanzadeira que conectará a estación intermodal co aeroporto, o reforzo das conexións coas zonas empresariais e máis servizos no rural.

A Xunta de Goberno deu esta terza feira o primeiro paso de cara á próxima licitación do servizo coa aprobación do estudo de custos do contrato, tal e como informaron en rolda de prensa a alcaldesa, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e o xerente de Tussa –concesionaria do transporte urbano da capital galega–, José Ramón Mosquera

A rexedora recordou que o Goberno tivo que suspender o procedemento de licitación iniciado no pasado mandato tras as recomendacións dos informes técnicos, unha circunstancia que o Concello quere aproveitar para introducir melloras atendendo as demandas de veciñas e veciños. 

Outra das melloras que afectarán o transporte público compostelán atinxe ás tarifas: o billete ordinario pasará de 1,75 a 1,25 euros; o billete do bono ordinario, de 60 a 56 céntimos; o do bono mensual, de 56 a 51 céntimos; e 100 viaxes gratuítas ao ano para pensionistas.