O Concello de Betanzos autoriza unha proba de rapel nunha torre do século XVI

FeilkupXwAArSoI

A decisión do Goberno local de Betanzos de autorizar unha proba de rapel sobre a Torre do Reloxo do século XVI está a provocar unha viva polémica na capital das Mariñas.

 

 

O rapel é unha práctica deportiva con moita ascendencia entre a mocidade. A disciplina consiste nun sistema de descenso por superficies verticais utilizando técnicas de cordas. Neste sentido está considerado como un deporte extremo.

Actualmente esta práctica deportiva converteuse nunha actividade independente da escalada, malia ser considera tradicionalmente unha técnica auxiliar. A súa relativa facilidade de aprendizaxe así como o seu grao de risco ten favorecido a súa rápida popularización.

O rapel adoita practicarse en accidentes xeográficos da propia natureza  ou en muros preparados para tal actividade. Porén, hoxe gaña presenza nos espazos urbanos, estando considerado como unha práctica deportiva propia destes ámbitos.

Torre de Reloxo

A decisión de Raid Gallaecia de realizar unha competición deste deporte na Torre de Reloxo de Betanzos, un Ben de Interese Cultural (BIC) do século XVI, instalado na igrexa de Santiago desta localidade ten provocado unha dura polémica.

As críticas principais chegan da man colectivos en defensa do patrimonio e das forzas políticas da oposición, polos riscos que está proba deportiva, onde participaron 40 persoas, puido provocar neste recurso patrimonial.

O BNG amosou a súa preocupación pola inclusión nunha proba deportiva Torre do Reloxo. Neste sentido, considera que “que a práctica deportiva non pode pórse por diante da conservación do patrimonio de todas as betanceiras”

Un exemplo do trato ao patrimonio

Os nacionalistas entenden que “este triste incidente dá idea da preocupación que o Goberno local do PSOE amosa sobre a conservación e protección do patrimonio: é a segunda vez nesta lexislatura que temos que observar como se agrede o patrimonio de todas para actividades deste tipo”.

A voceira do BNG na localidade, Amelia Sánchez, reclama que “se rehabilite a torre municipal, que presenta un deterioro máis que evidente” lembra que “a resposta do PSOE é non atendela e expoñela aínda a máis degradación”.

A edil nacionalista apunta que “o patrimonio é o que fai única a Betanzos, é a locomotora que ten que tirar do desenvolvemento do municipio e este tipo de comportamentos van en contra deste elemento estratéxico de Betanzos”.