O Concello de Arzúa presentará alegacións ao proxecto de macrocelulosa de Altri

Acto de Adega sobre o impacto da factoría de Altri en Palas de Reis (Foto: Nós Diario).

 “Animo a veciñanza a informarse e a alegar, porque son moitos os efectos negativos desta macrocelulosa que pretenden instalar a poucos quilómetros de Arzúa. A veciñanza ten que defenderse” afirma o alcalde de Arzúa.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, informou esta sexta feira que o Concello de Arzúa presentará alegacións ao proxecto da macrocelulosa que Altri-Greenfiber pretende instalar en Palas de Rei e cuxa Avaliación e Estudo de impacto ambiental está en exposición pública até o vindeiro 17 de abril.

“Tal e como se desprende do estudo do proxecto, Arzúa ficaría afectada no caso da construción desta factoría, tanto do punto de vista socieconómico como ambiental", indica o rexedor.

""Preocúpanos o uso que esta factoría prevé facer das augas do encoro de Portodemouros así como impacto que pode ter na saúde polo deterioro da calidade do aire e na distribución de contaminantes, así como o impacto negativo que poida ter no tecido produtivo, fundamentalmente na agrogandeiría, e no Camiño de Santiago” sinalou Xoán Xesús Carril.

Desde a Alcaldía informan tamén que poñen a disposición da veciñanza que queira alegar o modelo de alegación elaborado pola Plataforma veciñal Ulloa Viva. “Esta alegación pode ser recollida na Casa do Concello. As veciñas e veciños que o desexen poden presentala no rexistro do Concello, a través do portelo único e tamén poden descargala na web do Concello, www.arzua.gal, onde temos pendurada xa desde fai días a información pública sobre o proxecto” explicou Carril.

“Animo a veciñanza a informarse e a alegar, porque son moitos os efectos negativos desta macrocelulosa que pretenden instalar a poucos quilómetros de Arzúa. A veciñanza ten que defenderse e tamén para iso estamos os Concellos, non imos permitir que pisoteen os intereses das nosas veciñas e veciños” concluíu o alcalde de Arzúa.