Concelleiro do PP de Vigo compara BNG co Dépor e anoxa deportivistas e celtistas

“El BNG es como el Coruña... de Segunda B” escribiu nas redes sociais.

Mesturar allos e bugallos é unha arte que a determinados políticos semella dárselle de marabilla e que nas redes sociais ten un campo perfecto para a súa práctica.

Na súa conta de twitter @susoporvigo o concelleiro do PP na cidade olívica Jesús M.G. meteu no mesmo cesto o BNG e o Deportivo da Coruña por estar en Segunda B e a polémica estendeuse non só entre internautas da cidade viguesa senón tamén da herculina.

E todo principiou cunha opinión a raíz do mal partido do Celta na noite da segunda feira contra o Levante e que rematou con empate a un. “O Celta aburre as cabras: sen ambición, sen proxecto, sen nada”. Un usuario de twitter, que no seu interfaz se identificaba como militante do BNG, aproveitou para sinalarlle: “Vamos, como o PP de Vigo”.

Foi entón cando o concelleiro, cargo público, respondeu cun: “Si, siempre hemos sido un partido de Primera. El BNG es como el Coruña... de Segunda B”.

O que até entón podía ser o típico pique en redes sociais entre dous usuarios pasou entón a máis e xerou ducias de respostas e reaccións. 

A comparación do concelleiro axiña xerou un bo monllo de respostas e críticas. Desde quen lle lembrou que o PP é un equipo de Primeira “en corrupción” ou “en recortes” até quen lle instaba con retranca a “mellorar o nivel de populismo, que non che chega para acercarte a [Abel] Caballero”.

As críticas choveron de celtistas e sobre todo de deportivistas (“Temos nós máis títulos que concelleiros o PP en Vigo”). Mais o edil seguiu coa súa particular teima e escribiu: “Yo echo de menos a Beiras. Vosotros sois un sucedáneo del BNG”.