Con teito, mais sen casa

[Imaxe: Erik Dobaño] Parque de vivendas na Coruña

Despois dunha década de crack inmobiliario, as expectativas dos actores non mudaron: uns pensan en volver construír pisos, o aforro volve especular (agora cos alugueiros) e as persoas excluídas seguen sen ver solucións aos problemas de vivenda. As políticas públicas están desorientadas e nestes anos ninguén se preocupou por saber cantas casas están baleiras. Escribimos sobre isto no Sermos Galiza 257.

“A mentalidade segue sendo a mesma. Seguir construíndo e seguir comprando”, explica Estefanía Calo, profesora na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña e autora dunha tese doutoral sobre vivenda. Calo pensa que todos os actores do mercado residencial están hoxe “máis contidos” pero que a crise non mudou o paradigma. “Nin a rehabilitación nin o alugueiro aumentaron como se esperaba. Non se aproveita o stock existente de vivendas e a idea segue sendo a mesma, construír onde sexa máis barato e consumir recursos”.

 

“Tardaremos en percibir a recuperación como tardamos en sufrir a crise. Na Galiza aínda non se notan tensións de prezos ao alza, pero si as tensións de demanda”, constata Juan José Yáñez, xerente de Aproinco, entidade que agrupa os promotores inmobiliarios da Coruña e que en setembro celebrará o seu 25 aniversario. Aproinco volve sumar socios, seis o ano pasado, tres deles son empresas que recuperaron a súa actividade após ter dechado pola crise. “É difícil deixar de bailar mentres soa a música. Que empresa deixa de producir mentres se venden os seus produtos, cada ano máis?”, reflexiona Yáñez.

 

A música volve sonar. Máis contida. Non para todas e todos, sinala desde Ourense Benito Iglesias, presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias. “As sete cidades e as súas areas de influencia tiran do mercado, o resto dos concellos quedaron atrás. Un terzo do país vaise normalizando e tira, nos outros dous terzos non hai construción nin vendas, a iniciativa privada non será quen de corrixir esas asimetrías”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 257, á venda na loxa e nos quiosques habituais]