Con casco e funda para frear a ''privatización planificada'' da loita contra o lume

Ao redor de 300 traballadoras e traballadores de Seaga bótanse á rúa máis unha vez en Compostela por un servizo ''público, único e profesional'' de extinción de incendios, contra a militarización do monte e por un pacto que deixe este servizo ''fóra do ámbito partidista'' e aplique políticas que poñan en valor o rural

As súas reivindicacións son catro e son taxativas: un servizo "público, único e profesional" de prevención e defensa contra os incendios forestais; a contratación do persoal realizada a partir dunha lista "e cunha valoración equitativa do tempo traballado"; a eliminación do gasto de militarización do monte; e unha chamada cara o 21-O: exixen un pacto para retirar a loita contra o lume "do ámbito partidista" e artellar unha política forestal onde primen a prevención, conservación e posta en valor do rural.

''Quen apaga o lume? Nós, e non a UME!''
Cos catro obxectivos na cabeza, centos de traballadoras e traballadores do servizo de loita contra os incendios forestais botáronse á rúa este sábado en Compostela. A mobilización foi convocada pola recén creada Plataforma en defensa do servizo público de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Dela fan parte, para alén dos sindicatos CIG, CC.OO., UGT e CNT, a Aprafoga --Asociación profesional de axentes forestais e medioambientais--, a Aprofiga --Asociación profesional do persoal laboral--, a Organización de montes en man común, a Xornaga, o sindicato agrario Fruga e a asociación ecoloxista Adega.

Vestidos con cascos e traxe de faena, exixiron unha e outra vez a demisión da conselleira de Medio rural, Rosa Quintana, á que sinalaron como responsábel "da política de privatización emprendida pola secretaría do medio rural".

Privatización foi a palabra máis rexeitada e Quen apaga o lume? Nós, e non a UME!  --a UME é a Unidade militar de emerxencias-- o berro máis coreado namentres completaron o traxecto que separa a estación de comboios de Praterías.

Na céntrica praza, Carlos Gándara, que leva desde 1995 apagando no lume, deu lectura a un manifesto en que o cadro de persoal de Seaga rexeitou "moi alto e moi claro" a entrega da extinción de incendios a mans privadas "que buscan o beneficio económico", contribuíndo a executar o "desmantelamento planificado" deste servizo público.

Mesa de diálogo en prol dunha política onde prime a prevención
Nunha animada mobilización, convidaron a Feijóo a traballar "de peón" e exixiron saber a onde van parar os 3 mil euros que cada mes custa cada persoa traballadora, se esta recibe "unicamente un terzo" desa cantidade.

"Queren man de obra barata e sen dereitos laborais", dixo Gándara desde o micro de Praterías, preguntando "cantos cartos non se poderían aforrar cun servizo único e profesionalizado, dirixido transparantemente?" e "cantos postos de traballo poderían obterse a cambio no sector?".

Para levar a cabo as súas propostas exixiron a apertura "inmediata" dunha mesa de negociación co goberno galego da que fagan parte todos os axentes implicados no servizo de extinción e os colectivos organizados pola defensa do medio rural. Para concluír, Gándara escolleu unha acaída cita de Castelao: Máis vale unha terra con árbores no monte que un estado con ouro nos bancos.