As comunidades de montes veciñais piden adecuar o catastro á realidade

Traballos da deseucaliptización no monte de Laredo, en Caldas de Reis (Imaxe de arquivo de Cousa de Raíces / CMVMC de Carracedo).
Na solicitude, proponse que se conside ao monte veciñal como unha soa parcela catastral e que se teñan en conta os plans de ordenación, instrumentos fundamentais para acadar un monte multifuncional e sustentábel.

Os montes veciñais en mán común actualmente figuran na cartografia catastral divididos en innumerábeis recintos e parcelas, como se fosen montes de propietarios particulares. A Organización Galega de Comunidades de Montes solicita á Conselleria do Medio Rural e aos grupos parlamentarios que inicien os traballos para adecuar o catastro á realidade.

A ORGACCMM sinala que a titularidade dun monte veciñal correspóndelle a unha soa comunidade de montes e, por iso, "carece de sentido que se traten catastralmente os montes veciñais como se fosen recintos ou parcelas de diversos propietarios".

Ademais, denuncian que a excesiva parcelación que padecen débese a que a cartografía catrastral foi realizada en base a elementos (pistas forestais, camiños, carreiros, valados, resto de valados...) "non axustados a realidade dos montes veciñais". 

Denuncian que esta inadecuada cartografía catrastral dificulta, cando non  impide, ás comunidades de montes o desenvolvemento das actividades propias. Así, vese moitas veces "comprometida a elaboración de planos de xestión e de ordenación, a soliciutude de subvención ou axudas , a constitución de dereitos de superficie e a formalización de contratos de permutas, licenzas para plantacions ou permisos de corta de madeira", aseguran.

Sinalan, por último, que o maior despropósito acontece no caso dos permisos para a corta de madeira, que se realizan por cantóns definidos pola homoxenidade das masas fortais e ás veces un cantón pode chegar a ter até dez referencias catastrais distintas.