Comunidades de montes veciñais sairán á rúa ante “o roubo legal que prepara a Xunta”

Os montes veciñais en man común ocupan un terzo do territorio da Galiza (650.000 has.). Só hai esta figura en Galiza e no norte de Portugal.

 

 

A Organización Galega de Comunidades de montes en man común e o sindicato agrario Fruga convocaron unha manifestación para o vindeiro sábado, 22 de novembro, unha mobilización que decorrerá en Compostela co lema ‘Defende os froitos dos nosos montes’. O motivo de saír á rúa é a nova lei de montes de Galiza (Lei 7/2012), que na súa disposición transitoria novena indica que se en agosto de 2016 as comunidades que teñen os seus montes con convenios ou consorcios non pagan as débedas estarán obrigadas a asinar un contrato cunha empresa forestal privada.

Mais, existe ese saldo deudor? Desde a organización de montes veciñais en man común lembran que no franquismo o monte veciñal foille roubado aos veciños comuneiros, para ser entregado a diversas administracións públicas. Xa nos postfranquismo procedeuse á devolución, nalgúns  casos incompleta, aparecendo a figura dos consorcios e dos convenios. “A administración  forestal nunca presentou as contas claras  e  cando  se ve  obrigada a presentalas resulta que as e os comuneiros sempre resultan debedores da administración”.   

Os montes veciñais en mao común ocupan 1/3 do territorio da Galiza e están xestionados por unhas 3.000 comunidades, que reúnen aproximadamente uns 250.000 veciños e veciñas comuneiras. O monte veciñal é unha seña de identidade propia de Galiza, somente hai esta figura no noso país e no norte de Portugal.   

Condonación

A lei de montes do estado Español (lei 43/2003) permite a condonación das débedas dos montes conveniados ou consorciados, sempre que o titular da terra se comprometa a xestionala mediante un instrumento de xestión. “Non hai ningunha razón legal, xurídica e técnica que impida condonar as débedas do monte veciñal conveniado ou consorciado", afirman desde a organización de montes veciñais..