Comunidades de montes instan a Xunta a que recoñeza a súa "función social"

Acto unitario en Vigo de montes en man común da Galiza

Vigo acolleu esta cuarta feira unha xuntanza de comunidades de montes veciñais procedentes de diferentes comarcas da Galiza. Convocados pola Mancomunidade de Montes de Vigo e xunto coa Organización Galega de Montes e a Asociación Forestal da Galiza, o acto serviu, segundo a organización, para "analizar a campaña de difamación que están a sufrir as comunidades de Montes Veciñais en Man Común da Galiza por parte dun grupo minoritario de empresarios baixo a denominación de Plataforma Galega de afectados polas Comunidade de Montes e, o que resulta grave, co desafortunado apoio do goberno da Xunta de Galiza".

As entidades asistentes asinaron un manifesto, O Monte Veciñal en Man Común: unha realidade histórica viva no século XXI, no que se insta ás administración a "non lexislar de costas ao sector".

Entre os sete puntos do documento, os comuneiros e comuneiras piden que se recoñeza a súa "función social" como xestores destes montes.  Consideran que  "o proceso de normalización do monte veciñal en man común aínda non se pechou e subsisten situacións de abusos e usurpacións" que cómpre corrixir. Tamén solicitan as mancomunidades "garantir a declaración de nulos de pleno dereito os actos de disposición levados adiante antes de que os montes fosen declarados veciñais en man común".

Na Galiza hai 3.371 montes veciñais que ocupan unha superficie de 662.000 hectáreas, unha cuarta parte da superficie do país. Neste tecido hai preocupación ante o que a Organización Galega de Comunidades de Montes considera que é unintento de deixar fóra da lexislación de montes veciñais aqueles montes que, segundo o criterio da Xunta, non teñan aproveitamentos forestais.