Comunidades de Montes e ecoloxistas, xuntos no Courel

Zona queimada este verán en Froxán, O Courel (Foto: Nós Diario).
Entidades e colectivos valoran a posibilidade dun cambio de modelo no aproveitamento do monte no Courel.

Varias Comunidades de Montes do Courel e a Federación Ecoloxista Galega (FEG) colaborarán e coordinarán futuras accións de voluntariado co obxectivo de recuperar as zonas afectadas polos lumes e previr que volvan suceder. A idea xurdiu tras unha xuntanza entre as organizacións veciñais de Froxán, Vilamor e Parada dos Montes con membros da FEG para analizar a situación actual e as necesidades que teñen para recobrar o territorio castigado polos incendios. 

Un dos participantes no encontro, Iñaki Varela, de Verdegaia, explica a Nós Diario que a prioridade agora a medio prazo, transmitida polas comunidades, era “crear unha pequena coordinación para tentar que o voluntariado que xurdiu de maneira espontánea estivera distribuído por parroquias e aldeas”. 

Trátase de persoas que cando tiveron lugar os incendios crearon un grupo de Telegram para organizarse e que non forman parte na actualidade de ningún colectivo ecoloxista. 

Até agora o traballo realizado polas comunidades consistiu en botar palla, limpar camiños e evitar que se consolidaran zonas de perto das aldeas que facilitasen o asolagamento. “Ademais, distribuíronse comedeiros para a fauna salvaxe para fixala e abriron foxos”, indica Varela.

Desde as comunidades pensan que é fundamental aproveitar esta comunicación por redes sociais e manter unha vía de contacto en caso de necesidade. 

Cambio de modelo

Entidades ecoloxistas e comunidades tamén puxeron enriba da mesa a posibilidade dun cambio de modelo no aproveitamento do monte. “No Courel non hai moito eucalipto mais si piñeiro, que coincide en xeral coas zonas máis afectadas. O lume foi tan forte que afectou as zonas de souto mais freou o lume”, indica Iñaki Varela. 

Neste tema hai comunidades de montes que están por esa liña e outras menos. “É un proceso de ver que os piñeiros dan algo de cartos e fixan poboación mais con este tipo de sucesos acontece todo o contrario”, sinala Varela.

Desde ambos os colectivos, finalmente, lembran que a medio prazo, cando chegue a primavera o ano vindeiro, haberá necesidade de voluntariado pola saída de piñeiros e a necesidade de quitalos. “Falouse mesmo de que se organizarían campamentos cos que colaborariamos”, indica este ecoloxista. “As nosas entidades contan con seguros que poderían cubrir esas actividades”, engade.