As comunidades de montes denuncian que o novo plan forestal “beneficia ás grandes empresas”

“Afonda na eliminación do carácter comunal dos montes e abre así a porta á privatización dos montes veciñais”, afirman desde a Organización Galega de Comunidades de Montes.

A Organización Galega de Comunidades de Montes considera que o novo plan forestal da Xunta nace con eivas ao ser, afirma, un documento que non se elaborou de “modo democrático”, pois deixou fóra, critican,  a entidades que “viven, traballan ou xestionan o medio rural que non formasen parte do Consello Forestal de Galiza”.

Rexeita este novo plan por “afondar” na eliminación do carácter comunal dos montes “e abrir así a porta á privatización dos montes veciñais”. Alerta, ademais, que mediante este novo plan pretendese revisar a condición do veciño comuneiro .

Entende esta organización que se perde unha oportunidade de “rectificar a inxusta fiscalidade dos montes veciñais en man común xa que continúa mantendo ás comunidades de montes como suxeitos pasivos no imposto sobre sociedades”.

A Orgccmm afirma que o novo plan está baseado nun inventario forestal atrasado, “xa que está feito en base ao Inventario forestal do estado do ano 2008”.

Por último, advirten  que ese plan non fomenta un monte multifuncional, redúcese a crear catro modelos multifuncionais, un por cada provincia. Tamén denuncian que non se aposta pola produción de madeiras de calidade en base as especies de frondosas e que unha vez máis se deixa en mans das empresas madeireiras e forestais a ordenación dos usos do monte.