As comunidades de augas rexeitan novas cargas impositivas

Instalacións dunha traída de auga da asociación Coxapo, en Tomiño (Foto: Coxapo).
Un 23% da poboación usa traídas veciñais e pozos privados. O fundador da maior asociación que os representa alerta, Coxapo, cre que hai que coidar as augas do subsolo e ter en conta a problemática do cambio climático.

Na Galiza, un 10% da poboación fornécese da auga a través das traídas xestionadas pola propia veciñanza e outro 13% mediante pozos privados. Entidades que participan da autoxestión do abastecemento da auga, como Coxapo, rexeitan novas taxas ás traídas comunitarias e particulares por un servizo creado cos seus propios recursos. Segundo datos da asociación, 6.000 comunidades nútrense de algo máis de 10.000 mananciais espallados por todo o territorio.

O fundador desta entidade de usuarias e usuarios de auga, Rafael Carrera, augura que "a Galiza ten o seu futuro nas augas subterráneas" como consecuencia dos "cambios que haberá nun futuro nas augas superficiais". En conversa con Nós Diario, amósase preocupado pola evolución que pode ter a autoxestión na lexislación, o cambio climático e a contaminación. 

A importancia da autoxestión da auga explícase, segundo Carrera, "polo abandono que sufriron as aldeas e a necesidade de contar con este recurso". O sistema das traídas comunitario logrou maior éxito no litoral sur, pola maior densidade de poboación, entre 600 e 800 habitantes por Km2. O maior desenvolvemento tivo lugar entre 1968 e 1975. Os abastecementos son variados en tamaños e poden contar desde 10 usuarios ou vivendas até máis de 1.300.

"O canon é un recurso para o mantemento das infraestruturas", sinala Carrera, polo que coa excepción de casos puntuais en que os concellos participen na súa realización, a cota -que pode variar entre os 25 e os 80 euros anuais- para ter en condicións os sistema de abastecemento págase ás comunidades. "As traídas de auga comunitarias realizáronas con recursos e traballo propio, non poden ter, aínda por riba, unha taxa municipal", argumenta en relación a que a nova Lei de augas abre a porta a pagar polas traídas.

No caso dos pozos privados acontece o mesmo. "A persoa que fixo un pozo nunha vivenda illada, realizou un investimento e ten que facer un mantemento cada cinco anos, sacando o motor, e unha limpeza, sen contar cos custos de enerxía diarios que ten", afirma Carrera. 

Seca e cambio climático

Coxapo colabora con comunidades de todo o país, con experiencias en Rianxo, Porto do Son ou Bande. A alerta por seca aféctalles e en parte explícana polas consecuencias do cambio climático. "Cando a chuvia é lenta e continuada, os acuíferos non teñen problema", asegura Carrera. 

Este veterano defensor da auga critica "a retirada de auga dos encoros por egoísmo dalgunhas grandes empresas que rompeu un ciclo" e insiste na concienciación "tamén das empresas e o mundo da agricultura". Alerta de que secaron algúns acuíferos e outros poderían desaparecer nos vindeiros anos, "polo que hai que concienciar do que significa a auga". 

Contaminación do chan

Relacionado coa concienciación e o uso da auga con ánimo lucrativo, Carrera lembra que "hoxe temos unha lei de nitratos contra as agriculturas masivas e as extraccións masivas de auga", que cre que "son un verdadeiro problema e hai liñas de contaminación, unha pandemia que vai por baixo a terra". 

Por este motivo, advirte que "non hai un Plan hidrolóxico que funcione se non se controlan as extraccións de auga" e entende que "non se pode castigar o cidadán se non se sensibiliza a industria e a agricultura do uso da auga".