As Comunidades adiantan o período de alto risco de incendio mentres Rueda agarda a xullo

Unha vaca pasta con fondo de bosque queimado no lugar do Sollío, en Baleira (A Fonsagrada). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Navarra, Aragón, Castela e León, Estremadura, Balears e Murcia xa aplicaron medidas para paliar os efectos duns incendios forestais cada vez máis temperáns e de maior magnitude

Comunidades do Estado español están adiantando ou estendendo o período oficial de alto risco de incendios forestais e adaptándose con novos plans á nova realidade do lume, ben “por necesidade” ou ben porque agora é obrigatorio desde a aprobación o pasado verán dun Real Decreto para harmonizar as medidas nos distintos territorios e que estabelece que estas deben contar cun plan de prevención, vixilancia e extinción vixente todo o ano.

Navarra, Aragón, Castela e León, Madrid, Estremadura, Balears e Murcia xa aplicaron (ou teñen previsto aplicar) medidas para paliar os efectos duns incendios forestais cada vez máis temperáns e de maior magnitude.

Nos meses de xaneiro e febreiro arderon no Estado español un total de 5.396,85 hectáreas de superficie en 1.094 sinistros. Ningún deles superaba as 500 hectáreas. Así e todo, os incendios sucedidos no mes de marzo superan o dato de superficie queimada. O 23 de marzo comezou un fogo en Castelló (País Valencià) que non se estabilizou até a pasada sexta feira, 31 de marzo, após queimar 4.700 hectáreas (segundo cifras provisionais).

Esta mesma semana, Asturies pasou de ter apenas algún pequeno conato a sufrir unha cadea de máis dun cento de incendios forestais, algúns moi preto de municipios poboados. Esta sexta feira permanecían activos máis de 90 focos, fronte os 120 da quinta feira. Este sábado, 1 de abril, 78 municipios do Principado tiñan nivel de máximo risco.

A Galiza, Estremadura, Aragón e Andalucía tamén sufriron incendios. O de Baleira, na comarca da Fonsagrada, foi o máis agresivo, con máis de 1.400 hectáreas queimadas.

Non obstante, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, afirmou esta semana que o Executivo traballa para ter o dispositivo anti incendios “preparado” para cando “chegue o perigo de risco alto”, comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. Descartaba, con estas declaracións, adiantar un dispositivo que suporía a incorporación de até 2.300 efectivos para combater os lumes nos montes galegos.

Precisamente, o colectivo de case mil brigadistas con contratos cunha duración de seis meses formularon na pasada sexta feira a necesidade de pórse a traballar ante o "alto risco" de incendios. A Asociación de Traballadores e Traballadoras de Incendios Forestais trasladou o "desconcerto e preocupación" do persoal fixo-descontinuo da Xunta.

Plans autonómicos

Neste contexto de incendios temperáns e agravados, as Comunidades deben ter aprobados plans de continxencia ante os incendios forestais.

Así, en Navarra aprobaron o pasado mes de novembro o Plan Infona, que estabelece un mapa de risco.

Aragón, pola súa parte, este ano por primeira vez ten “todas” as cuadrillas terrestres de extinción operativas os 12 meses do ano, ao igual que as brigadas helitransportadas.

Castela e León, unha das comunidades máis extensas e que sufriron con intensidade o lume nos últimos veráns, asinou un acordo en setembro de 2022 co diálogo social para aumentar o presuposto do operativo anti incendios. Cuadrillas terrestres, as helitransportadas e os reténs de maquinaria pesada ampliaron o seu tempo de prestación de servizos até un mínimo de nove meses.

Mentres, en Balears a temporada de alto risco comeza o 1 de maio e, aínda que non se rexistrou ningún lume “de importancia” no que vai de ano, desde este sábado, 1 de abril, auméntase unha brigada máis do Institut Balear de la Natura (Ibanat) e chega un helicóptero á base de Ibiza.

Finalmente, o Goberno de Murcia puxo en marcha o 1 de xaneiro deste ano un novo contrato que inclúe todas as brigadas forestais de extinción “con pleno emprego durante todo o ano”.