Por volta de 200 persoas nun acto cheo de música e emoción

A Comunidade Sermos celebra o V aniversario coa vocación de alargar o espazo galego de comunicación

Un momento da festa

Ser máis. Nunca menos. Chegar cada día a máis xente. Comunicar galego e en galego. Tecer rede. Ser Comunidade. Os propósitos fundacionais continúan aí e aínda se expanden. Ser Comunidade é partillar visións da vida, mais tamén afectos. Encontros, reencontros. De todo houbo na festa coa que Sermos celebrou o seu V aniversario, nun ateigadísimo salón de eventos da Nave de Vidán, en Compostela. Sermos reafirmou "o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego", en palabras do presidente do Consello de Administración, Xoán Costa.

A Comunidade Sermos é un cosmos social do máis diverso, nada redutíbel a unha fotografía fixa. É un corpo magmático, plural, un caleidoscopio. Tantas visións como persoas. "Está ben o que facedes, mellorastes moito, cada día vos segue máis xente, mais tendes que ir por aquí, falta isto, hai que facer aquilo". Non poucas persoas dirixíronse a min neses termos durante a festa, un ágape intenso de por volta de 2 horas e media. Eu tomaba nota mentalmente. Son tamén Comunidade Sermos, non só traballador da casa, así que tomaba boa nota. Partillo entusiasmos, críticas e auto-críticas. Esta é a forma de ser desta tribo -tomo emprestada a palabra a Manuel María-, sen esta forma de ser non teríamos feito 5 anos.

Por volta de 200 persoas -mesmo mais, se termos en conta a de xente que pasou pola Nave de forma episódica sen se manter nela durante todo o evento- reuníronse en Compostela para celebrar o V aniversario dun proxecto de comunicación social, popular, alternativo, galego e en galego. Un proxecto que son esas persoas e moitas máis que non se puideron achegar á Nave. Un proxecto que sen elas sinxelamente non existiría. Un proxecto que quer ser moitas máis elas, que sen esa vocación sinxelamente non existiría.

"Compro o semanario desde o primeiro día", "vexo o dixital todos os días", "fíxenme subscritor hai seis meses e estou a ver se convenzo a un par de colegas de que se subscriban", "gostaría de vos enviar algún artigo", "fago fotos, interésavos que vos mande algunha?". Había na festa todo menos indiferenza. Moito entusiasmo. Moitas ganas de colaborar con Sermos. De facermos o que Sermos quixo ser desde o minuto un. En palabras de Xoán Costa no seu discurso, "o elemento nuclear dun espazo galego de comunicación".

Había na festa todo menos indiferenza. Moito entusiasmo. Moitas ganas de colaborar con Sermos

E é que na Nave se reuniron accionistas, asinantes, persoas colaboradoras, correspondentes, anunciantes, parte de toda a rede de voluntarias e voluntarios que fan que Sermos funcione e que imprimen a Sermos o carácter que fai desta casa algo único: un proxecto social, un proxecto multitude, un proxecto que sabe que canto máis poliédrico sexa, moito mellor. Imposíbel citar todo o mundo presente na Nave, toda a xente con ganas de achegar pontos de vista, vindas de mundos diversos, Pepe Barro (responsábel do deseño do semanario), Olga Brañas (crítica musical), Mercedes Queixas (colaboradora literaria), Saleta Goi e Alberte Ansede (Fundación Manuel María), Nemesio Barxa (membro do grupo promotor), Bieito Lobeira, Marica Campo (escritora), Anxo Louzao (CIG ensino), Goretti Sanmartín (vicepresidenta da Deputación da Coruña), Olaia Ledo (crítica de cinema), Xan Muras (fotógrafo), Francisco Rodríguez (escritor e ensaísta), Silvia Cancela (maquetadora do semanario), Néstor Rego (primeiro conselleiro delegado da empresa), Nacho Hortas (humorista gráfico), Maria Xosé Bravo (presidenta da asociación cultural Alexandre Bóveda), Rubén Cela (portavoz municipal do BNG en Compostela), Marcos Maceira (presidente da Mesa pola Normalización Lingüistica), Luz Darriba (colaborada na sección de Opinión), Isabel Rico (actriz), David Martínez (conselleiro delegado da empresa responsábel do software), Manuel Da Cal (FRUGA), Guillerme Vázquez (ex portavoz nacional do BNG), Marga Doval (escritora), Suso de Toro (escritor), Montse Prado (deputada do BNG), Alfredo López Tokio (humorista gráfico e ambientalista), Xoán Carlos Garrido (ensaísta), Elvira Cienfuegos (ecoloxista), Xavier Campos (responsábel de Comunicación da Executiva do BNG), Fernando Vázquez (treinador de futebol), Pilar García Negro (escritora ensaísta), Xosé María Torné (deseñador),  Marta Dacosta (poeta), Xosé Gontá (do espazo enocultural Vide Vide), Duarte Correa (colaborador na sección de Opinión)... "Oes, moi ben, o de facerdes agora máis información local e comarcal. O país está en toda a parte e hai que chegar a el!". "O da dupla capa no semanario é realmente vangardista. De quen foi a ideia?". Non só me falaban motu propio, a facer achegas, suxestións, eu tamén perguntaba. Sen ese diálogo fecundo Sermos non tería tido a menor oportunidade de facer cinco anos. Xa non tería tido nen a oportunidade de existir.

"E que che parece se escrebo unha columna feminista?". "Estou pensando nunha nova serie de artigos, dígoche despois do verán". Vontade de ir més lluny (més lluny hem d'anar mes lluny), máis lonxe, que diría Lluis Llach, con ese motor -canta paixón quen poderá detela!, como entonaría o grande Xurxo Souto, peza basilar da equipa fundacional- este carro non ten límites.

"E que che parece se escrebo unha columna feminista?". "Estou pensando nunha nova serie de artigos, dígoche despois do verán"

O acto abriuno cun discurso evocador e emotivo Carme Vidal, persoa chave nos comezos de Sermos. Relatou o día en que o grupo promotor foi falar con ela da necesidade de que aparecese no ermo comunicacional do país un "meio de comunicación galego e que tivese como único interese e obxectivo Galiza", un proxecto "que por riba fose autónomo, que non tivese digamos que ataduras, que se puidese manter a si mesmo". Vidal, nun rapto de sinceridade, ollou para ese grupo promotor -"unhas persoas, non vou dicer os nomes, pero están por aquí"- e díxolles: "Iso é imposíbel, non pode ser, non vai saír". Mais ese núcleo de activistas -"xente moi entregada, xente marabillosa"- comezou a se mover por todo o país, na procura de apoios, na procura de accionistas, "organizando actos en toda a parte". E o que parecía imposíbel aconteceu. O primeiro número do dixital. O primeiro número do semanario. "E eu véxome metida naquela pataca quente, naquel tempo difícil", evocou Vidal, integrante da redacción fundacional canda Xesús Piñeiro, Beti Vázquez, Rodri Suárez e Antón Escuredo, con Anabel Gulías ao fronte da xerenciaOs primeiros nervos. Os primeiros erros. Os primeiros acertos. A vontade de mellorar sempre desde o minuto 0. De facer un xornalismo honesto, veraz e entregado ao país. "Quero dicer con todo isto que foi un parto complexo, pero un parto feliz porque hoxe estamos aquí celebrando cinco anos", resumiu Vidal.

TRIBUTO A FRANCISCO CARBALLO

Se algunha persoa simboliza aquel grupo promotor, pola súa entrega, e entusiasmo, embora tivese xa 87 anos cando todo comezou, é Francisco Carballo. Intelectual de enorme altura, grande coñecedor da historia do país, e animador de todo proxecto de comunicación que se quixese galego e en galego, Carballo estivo na orixe de Sermos e a súa figura foi evocada na Nave quer no discurso de Carme Vidal quer no de Xoán Costa. "Unha das persoas máis xenerosas que eu coñecín na miña vida. Unha persoa honesta, cunha dignidade tremenda. Unha persoa grande", dixo del Vidal. "Morreu pouco despois [do aparecimento do primeiro número de Sermos] e creo que neste país lle debemos moito", acrecentou coa voz quebrada pola emoción. Aplausos xeneralizados. A Comunidade Sermos identifica así un dos seus máis grandes, sempre na memoria.

"E eu véxome metida naquela pataca quente, naquel tempo difícil", evocou Vidal

E un dos seus, un dos componentes da rede Sermos, desde a música, é Davide Salvado. Parabenizou Sermos polo seu V aniversario e regalounos ao vivo algúns dos temas de Lobos, o seu último traballo. Unha voz profunda, telúrica, verdadeira. Un eco da terra. Mais natural, nada engolado, cero impostación. Con el mesmo chegou o baile, a Comunidade desatada. É a súa música radicalmente galega e radicalmente contemporánea, como con tino a cualificou na apresentación Carme Vidal, eses sinais de identidade aos que Sermos modestamente tamén aspira.

A CONVERSA CO QUIOSQUEIRO DE XOÁN COSTA

Música e palabra. A de Xoán Costa, presidente do consello de administración. Volta ás orixes. A vontade de medrar, de permanecer, de ir a máis. Está desde o primeiro día. Tamén o interese social pola saúde da criatura. Costa rememorou unha conversa cun quiosqueiro, 8 de xuño de 2012, primeiro número do semanario. "Canto vai durar?", perguntou. A pergunta tiña todo o sentido. A historia do xornalismo galego e en galego é a historia de sucesivas tentativas falidas. "Confeso que non puiden dar resposta. Desculpeime dicendo que chegaba tarde á clase e que xa falaríamos outro día, ao fin e ao cabo eu era cliente do quiosque e xa non era a primeira vez que tiñamos mantido conversas na beirarrúa sobre temas de actualidade".

Canto vai durar?, ecoa a pergunta do quiosqueiro. "Nunca puiden darlle unha resposta a aquel home. Ao pouco o quiosque fechou. Mais se tiver ocasión, a resposta sería o lema deste 5 aniversario: veñan máis 5!!".

E despois outros 5, e despois outros 5, e despois outros 5...

No seu discurso, Costa deixou dúas ideas centrais. A primeira, a de que Sermos reafirma neste acto "o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego". A segunda, a de que existimos grazas ao tecido social que aposta día a dia en nós: "Ese compromiso, en galego e con Galiza, que animou a creación de Sermos Galiza como un proxecto de comunicación, foi posíbel grazas, primeiro, ás aportacións de entidades e persoas que conformaron o capital social e despois ás traballadoras e traballadores, colaboradores, colaboradoras de todo tipo e que non perciben ningunha compensación económica a cambio, anunciantes, persoas que fan doazóns, foi posíbel grazas a todas aquelas persoas e entidades que constitúen o que chamamos Comunidade Sermos".

"No próximo veñan, que xa serán Veñan máis 10, teremos un Sermos que chegará a máis xente e que deberá ser o elemento nuclear dun espazo galego de comunicación", enfatizou Xoán Costa

Evocación do pasado e proxección do futuro. "No próximo Veñan, que xa serán Veñan máis 10, teremos un Sermos que chegará a máis xente e que deberá ser o elemento nuclear dun espazo galego de comunicación", concluíu Costa.

E voltou Davide a cantar. E houbo risos e bailes e fotos (para sermos xustos, o rei das fotos foi Fernando Vázquez, ex treinador do Celta, do Dépor e da selección nacional de futebol). E así, aos poucos, sen moita vontade de abandonar a festa, foi rematando o acto, un encontro-reencontro de moita xente amiga, unida sobre todo por un desexo, o de que venham mais 5. E despois outros 5. E despois outros 5.

 

As fotografías son de Beatriz G. Caneda.