A comunidade da residencia de maiores San Carlos de Celanova, premio 'Celanova, Casa dos Poetas'

Residencia San Carlos de Celanova (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
A asociación de familias das persoas usuarias da residencia considera que o galardón é "un lavado de conciencia dos responsábeis" da xestión da Covid-19, que no peor momento da pandemia "miraron para outro lado". O BNG local súmase ás críticas e fala dun "uso partidista" do premio e dunha "falta de respecto aos fins da Fundación Curros Enríquez".

O Padroado da Fundación Curros Enríquez acordou concederlle o premio 'Celanova, Casa dos Poetas' á comunidade da residencia de maiores San Carlos de Celanova.

Nomeadamente, o recoñecemento vai dirixido ao conxunto de traballadoras e ao colectivo de maiores residentes, sinala, "pola fortaleza no traballo, a capacidade de organización e resistencia, así como pola valentía e profesionalidade coa que se enfrontaron á virulenta entrada da Covid-19 na comunidade, naqueles primeiros momentos do confinamento no mes de marzo de 2020, cando, tanto os resultados inmediatos que se maliciaban como as posíbeis consecuencias, agoiraban tempos certamente tráxicos para a vida das persoas".

Á reunión na que se resolveu a concesión do XXXVII Premio 'Celanova, Casa dos Poetas' asistiron, este sábado, 26 de xuño, membros a título persoal como Xosé Luís Axeitos, Xosé Benito Reza, Felipe Ferreiro Feijoo e José María Paz Gago, así como representantes da Deputación Provincial de Ourense, da Real Academia Galega, da Universidade de Vigo, da Universidade da Coruña e do Concello de Celanova.

"Dignidade fronte a extrema dificultade"

O fallo do galardón recolle ademais, que "conscientes da dimensión que tomou a pandemia neses primeiros momentos -foi a primeira residencia de maiores afectada en toda Galiza- provocando o falecemento directo de nove persoas residentes en moi poucos días e afectando finalmente a todo o conxunto de traballadoras no contaxio da enfermidade, non só continuaron traballando, senón que foron quen de amosar unha imaxe de dignidade fronte a extrema dificultade, certamente admirábel".

O mesmo texto expresa o sentir da Fundación Curros Enríquez a respecto deste recoñecemento. Neste sentido, advirte "lonxe de pretender que poida ser considerado un premio localista" o que busca "é simbolizar nesta comunidade a todas as residencias de maiores da Galiza, que atenden cada día ó mellor da nosa sociedade, que son as nosas persoas maiores, así  coma a todos os colectivos que dende aqueles días acedos de marzo se teñen enfrontado e seguen enfrontándose en primeira liña as distintas fases nas que nos temos visto mergullados como sociedade, no epicentro do máis grande envite vital que nos ten sido presentado á humanidade durante o último século".

"Lavado de conciencia"

Desde a asociación de familias das persoas usuarias da Residencia San Carlos de Celanova, Adur, María Rodríguez recoñece a Nós Diario "sorpresa" por un recoñecemento que obvia as once vítimas mortais do coronavirus na residencia de maiores de Celanova e as súas familias, "as que mási sufriron durante o preceso". "Iso é o máis importante. E a nós non se nos olvida".

Rodríguez cre que o premio 'Celanova, casa dos Poetas' é "un lavado de conciencia dos reponsábeis que durante a crise mirararon cara outro lado. No peror momento da pandemia, cando morreron once persoas, miraron cara oputro lado".

Neste sentido, recoñece que as familias sempre estiveron desatendidas. "Lembro que foi unha loucura, 24 horas pegada ao teléfono, fallando caoas traballadoras, mobilizando as familias, persoas voluntaruias e material. Foi moi duro, sen ter comunicación, sen saber". Naquel momento, repara, "habería que ter mirado máis polas residencias e polas persoas maiores. Faltou humanidade".

A residencia, en mans da Fundación San Rosendo

Na mesma liña, fontes do BNG local sinalan un "uso político" da concesión do premio 'Celanova, Casa dos Poetas' ademais dun "falta de respecto aos fins da Fundación Curros Enríquez". "Quen concede ese premio é o alcalde de Celanova, presidente do padroado e, na súa maioría, ex alcaldes e ex concelleiros do PP que agora tratan de tapar con este galardón o que foi a nefasta xestión da Xunta da Galiza na crise da residencia de San Carlos", razoan.

A formación nacionalista censura, tamén, que cando o alcalde de Celanova, Antonio Puga, de Celanova Decide, "tivo oportunidade de facer algo pola residencia a raíz do acordo unánime impulsado polo BNG en setembro do ano pasado para axudar nos termos solicitados polo propio centro, dedicouse a boicotealo após asinalo até facelo imposíbel ao carón do PP".

O BNG apunta o rexedor de Celanova como o principal responsábel de que "unha residencia local, xestionada por un padroado local, agora estea en mas dunha gran xestora de residencias como é a Fundación San Rosendo, ao se negar durante un ano a tomar posesión do seu cargo como mebro nato do padroado".

Con todo, o máis "indignante e sorprendente", remarca o BNG de Celanova, "é que na acta de concesión do premio non se fala nin dos once mortos por Covid nin das familias, que foron as outras vítimas", conclúen.