As comunidades de montes piden á Fiscalía que investigue o dispositivo da Xunta no incendio do Barbanza

Bombeiros actuando no incendio que afectou Boiro recentemente. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Consideran que houbo "moitas neglixencias" no incendio iniciado en Boiro o pasado 4 de agosto e que arrasou 2.200 hectáreas

Comuneiros e comuneiras da serra do Barbanza remitiron un escrito á Fiscalía de Medio Ambiente da Galiza para solicitar que abra unha investigación sobre o operativo do grande incendio forestal iniciado na parroquia de Cures, Boiro, o 4 de agosto.

O fogo non se deu por extinguido até o día 12. Arrasou 2.200 hectáreas, após comprometer a seguridade de núcleos de poboación como o e Piñeiro ou obrigar ao desaloxo dunhas 700 persoas que pasaban uns días de lecer nun camping de Ribeira que tamén se viu afectado.

"Fóiselles das mans"

As comunidades de montes do Barbanza e da Mancomunidade Serra do Barbanza consideran que a forma na que foi xestionado o operativo antiincendios agravou as consecuencias do lume, activo durante unha semana.

Segundo explicou a vicepresidenta da Mancomunidade Serra do Barbanza, Lorena Muñiz, o incendio "fóiselles das mans por completo" durante a xornada dda sexta feira, 5 de agosto, despois de estar "practicamente extinguido" horas antes.

A xuízo dos comuneiros da serra, o incendio foi "abandonado" e o forte vento do nordés que sopraba na zona durante esas xornadas provocou que as chamas se descontrolasen. "Cometéronse moitísimos erros, houbo moitísimas neglixencias", aseverou Muñiz.

Os comuneiros reclaman á Xunta transparencia e que dea a coñecer o plan de actuación das tarefas de extinción desde o minuto cero

O lume terminou por afectar a gran parte da serra do Barbanza e acabou alcanzado a parroquia de Xuño, no municipio de Porto do Son. Os comuneiros reclaman á Xunta transparencia e que dea a coñecer o plan de actuación das tarefas de extinción "desde o minuto cero".

Desatendidos

Así, denuncian que nos primeiros días de incendio, entre a sexta e a terza feira realizáronse contralumes "sen ningún tipo de control", algúns deles "inxustificados", e aseguran que a coordinación dos equipos despregados á zona foi "caótica".

Se houbese algo de control non ardería toda a serra

Lamentan que os técnicos da Administración galega non contasen coa opinión das persoas comuneiras como coñecedoras do terreo e denuncian que non foron atendidas as chamadas realizadas aos teléfonos de coordinación.

Por todo iso, expresan a súa indignación ante un incendio que, consideran, podería terse freado na parroquia de Cures, onde se orixinou. "Se houbese algo de control non ardería toda a serra", aseverou Lorena Muñiz.