MANIFESTACIÓN ESTE SÁBADO EN SANTIAGO

Comuneir@s acusan a Xunta de poñer o monte veciñal “en mans de xestores privados”

Dacal e Xosé Alfredo Pereira

Acusan a Xunta de ampararse en débedas "irreais" para poñer miles de hectáreas nas mans de xestores privados para adicalos a "eucaliptos", "megaminería" e "industrias contaminantes". Manifestaranse o sábado, ás 12:00, en Compostela

 

Organización Galega de Comunidades de montes en man común e o sindicato agrario Fruga compareceron esta terza feira para informar dos motivos da manifestación para o vindeiro sábado, 22 de novembro, unha mobilización que decorrerá en Compostela co lema ‘Defende os froitos dos nosos montes’.

O presidente da Organización Galega de Comunidades de montes en man común, Alfredo Pereira, enmarcou esta mobilización na necesidade de reaxir ante unhas políticas do PP que o que procuran é “privatizar o monte veciñal” para llo entregar a xestores privados. “Queren convertilo nunha inmensa leira para industrias contaminantes, para actividades agresivas como a megaminería e para plantar especies de medre rápido”, sinalou. Para lograr este obxectivo, afirma Pereira, o PP emprega a Lei de Montes que aprobou en 2012 e no que se estipula que aquelas comunidades de montes con débeda en convenios ou consorcios terán obrigatoriamente que asinar un contrato con empresas forestais privadas. “Iso é un roubo”, manifestou.

Expolio

Orgaccmm insiste en que as débedas non son reais. Explicou que o monte veciñal foi usurpado polos gobernos españois hai décadas á veciñanza e non se procedeu a llo devolver até pasado o franquismo.

Os montes veciñais en mao común ocupan 1/3 do territorio da Galiza e están xestionados por unhas 3.000 comunidades

Manuel Dacal, de Fruga, lembrou que a lei de montes do Estado español de 2003 permite a condonación das débedas de montes consorciados ou conveniados sempre e cando o titular se comprometa a xestionala. Por iso demanda da Consellería de Medio Rural a condonación das débedas. "Non hai razón legal, xurídica ou técnica" para non o facer.

Dacal considera que o Partido Popular está a facer “un ataque premeditado” sobre unhas propiedades, os montes veciñais, que son moi gorentados polo sector privado.

Os montes veciñais en mao común ocupan 1/3 do territorio da Galiza e están xestionados por unhas 3.000 comunidades, que reúnen aproximadamente uns 250.000 veciños e veciñas comuneiras. O monte veciñal é unha seña de identidade propia de Galiza, somente hai esta figura no noso país e no norte de Portugal

Sobre esta institución tan especificamente galega, Sermos Galiza editou un A Fondo monográfico ao que podes acceder neste enderezo.