O debate sobre a prostitución

A Comuna acolle na Coruña as charlas sobre traballo sexual que cancelou a UDC

Anuncio das xornadas no C.S. A Comuna, na Coruña.
Participan varias das poñentes convidadas no seu momento pola UDC, entre elas, representantes de OTRAS (Sindicato Organización de Trabajadoras Sexuales) e AFEMTRAS (Agrupación Feminista de Trabajadoras Sexuales).

"Mulleres migrantes e traballo sexual na Galiza" é o título da conferencia de Laura Oso, profesora na Facultade de Socioloxía da UDC, intervención que xa figuraba no programa das xornadas canceladas o pasado día 11 polo reitor e que abrirá no Centro Social A Comuna, na Coruña, outras xornadas de dous días coa mesma temática e moitas das participantes anunciadas no evento da UDC. A Universidade da Coruña explicou nun comunicado o día 11 que "non se reúnen as condicións necesarias" para "a realización das Xornadas sobre Traballo Sexual". Pero non conseguiu atallar a polémica. 

Eses días empezara a circular polas redes o manifesto Polo dereito a debater na Universidade e en todas partes ao que se adheriron máis dun cento de docentes universitarios en todo o Estado. "Cancelar estas xornadas suporía unha grave vulneración do dereito á liberdade de expresión no ámbito universitario, faría perigar a liberdade de cátedra e de investigación consagradas na Constitución".

A polémica desbordou o debate entre as abolicionistas e as partidarias da legalización, e converteuse nunha cuestión sobre os límites da liberdade de expresión que dividiu mesmo ás abolicionistas.

Na Comuna optaron por dar voz ás persoas que malia todo queren expresar a súa posición e esta quinta feira as conferencias comezarán ás 9.30. Prolongaranse até a sexta, e nelas intervirán moitas (non todas) das poñentes convidadas a aquelas xornadas na UDC. Entre as participantes están activistas de OTRAS, AFEMTRAS e do Colectivo de Prostitutas de Sevilla, que consideran a prostitución como un traballo que debe ser atendido e regulado pola lexislación laboral.