Finsa segue a incrementar as emisións de gases contaminantes

finsa imaxe de Wood Based Panels International

O Rexistro Estatal de Emisións Contaminantes vén de publicar os datos dos gases producidos durante 2016 polas industrias e determina que Finsa, a factoría de chapas e taboleiros de madeira asentada en Santiago de Compostela, desprendeu 142.000.000 kg de dióxido de carbono (113% máis que o ano anterior). En canto aos residuos perigosos, a suba foi considerábel ao declarar 1.211 toneladas en 2016 fronte ás 709 de 2015. 

Esta factoría emitiu tamén 1.200.000 kg de compostos orgánicos volátiles distintos do metano; 682.000 kg de óxidos de xofre; 25,7 kg de arsénico e cifras elevadas de metais pesados como cadmio, cromo, mercurio, níquel e benceno.

 

Destacan tamén as 473 toneladas/ano de residuos perigosos que conteñen hidrocarburos, cando foron 165 toneladas no ano anterior, se ben rebaixou os residuos non perigosos a 4.091 toneladas (6.309 en 2015).

A exposición repetitiva ou prolongada ás PM10 pode provocar efectos nocivos no sistema respiratorio.

Os datos revelan que en Finsa medrou a emisión das PM10, en 108.000 (88.300 en 2015), que se definen como as partículas sólidas ou líquidas de po, cinsas, metais pesados ou asociados á combustión dispersas na atmosfera cun diámetro entre 2,5 y 10 µm (1 micrómetro corresponde á milésima parte de 1 milímetro). A exposición repetitiva ou prolongada ás PM10 pode provocar efectos nocivos no sistema respiratorio. Estas partículas precipitan na terra e poden afectar seriamente á saúde humana, animal e vexetal e mesmo intervir de xeito negativo nos acuíferos.

O dióxido de nitróxeno, en concentracións de corta duración superiores a 200 mg/m3, é un gas tóxico que causa unha importante inflamación das vías respiratorias, advirten na OMS. Do mesmo xeito que o dióxido de xofre (SO2) que pode afectar ao sistema respiratorio e ás funcións pulmonares, aliás de causar irritación ocular. A inflamación do sistema respiratorio por presenza de deste gas no aire provoca tose, secreción mucosa e agravamento da asma e a bronquite crónica; mais tamén aumenta a propensión a contraer infeccións do sistema respiratorio. Segundo determina esta organización, os ingresos hospitalarios por cardiopatías aumentan nos días en que os niveis de SO2 son máis elevados. En combinación coa auga, o SO2 convértese en ácido sulfúrico, que é o principal compoñente da chuvia aceda.

 

Pese a estes datos oficiais, na web de Finsa, afirman “promover de forma constante actividades de prevención da contaminación e estabelecer obxectivos de reducir progresivamente as emisións e descargas dos materiais ao medio ambiente, particularmente mediante a aplicación das mellores técnicas dispoñíbeis, cando sexa económica e tecnicamente viábel”. En 2016 obtivo 798 millóns de euros en vendas e fixo investimentos por 57 millóns, segundo datos da propia factoría.

 

Adega reclama un plan galego para diminuír as emisións da industria

 

Para Adega, o Goberno galego debería promover un plan de diminución progresiva da contaminación (dióxido de carbono, chumbo, mercurio, cadmio, óxidos de nitróxeno, etc.) nas grandes industrias para protexer realmente os ecosistemas e a saúde, alén de poñer urxentemente en práctica as directrices da OMS para partículas (PM10 e PM2,5) xa que os niveis da lexislación actual son moi permisivos e duplican o recomendado.

 

O Estado español deberá reducir un 88% o SO2 en 2030

 

A Unión Europea aprobou novos límites a partir de 2030 para as emisións destes cinco contaminantes atmosféricos: os óxidos de nitróxeno (NOx), o dióxido de xofre (SO2), os compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), o amoníaco (NH3) e as partículas finas.

Finsa beneficiouse das bonificacións do 30% ás empresas que apostan por comprar novos espazos na Sionlla

Hai un ano, o Consello da UE acordou modificar a normativa logo de que o Pleno do Parlamento Europeo aprobase novos teitos de emisión por cada estado membro. A directiva entrou en vigor o 31 de decembro de 2016 e, en concreto, o Estado español deberá reducir un 88% as súas emisións de SO2 a partir de 2030 en comparación cos niveles de 2005, un 62% las de NOx, un 39% as de COVNM, un 16% las de NH3 e un 50% as de partículas finas.


 

Ampliación de Finsa

 

Esta empresa de transformación de madeira ampliará as súas instalacións no parque empresarial da Sionlla, onde comprou unha superficie de 205.000 metros cadrados que suporán un investimento de 280 millóns de euros, segundo anunciou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante unha visita realizada á factoría a pasada semana.

 

Vázquez destacou que a compra dos terreos do parque da Sionlla por parte de Finsa servirá para incrementar a capacidade de produción da compañía, que tamén dedicará parte das súas novas instalacións á innovación tecnolóxica.

 

Finsa beneficiouse das bonificacións do 30% ás empresas que apostan por comprar novos espazos na Sionlla como unha das medidas impulsadas dende a Xunta para axudar a dinamizar o sector industrial en Galiza, explicou o conselleira durante a visita.