Compostela torna na capital galega da gastronomía en petiscos co Santiago(é)Tapas

Presentación da XII edición do Santiago(é)Tapas (Asociación Hostalería Santiago)

Un ano máis, e xa van doce, volta unha cita que xa forma parte ineludíbel da programación cultural e de ocio compostelá. Nesta edición son un total de 109 tapas as que entran en concurso -53 na modalidade tradicional e 56 na creativa-, e a principal novidade é a introdución do primeiro certame de bebidas Santiago(é)cóctel.

O certame de gastronomía en petiscos Santiago(é)Tapas volta un ano máis, na que xa é a duodécima edición dunha cita organizada pola Asociación Hostalaría Compostela e promovida por Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña.

En total son 77 os estabelecementos repartidos por toda a cidade que toman parte nesta edición, o que supón un novo récord para un evento que se desenvolverá desde hoxe, 14 de novembro, até o 1 de decembro.

A principal novidade é o denominado Santiago(é)cóctel, unha sorte de spin-off do Santiago(é)tapas no que os participantes poderán gozar de trece cócteis clásicos e doce creativos a un prezo de cinco e seis euros, respectivamente.

Máis de 100 tapas distintas entre dous e 3,50 euros

No referente á estrela do evento, a gastronomía, en 2019 os hostaleiros servirán 109 tapas, 53 encadradas na modalidade tradicional a tan só un ou dous euros, e 56 na modalidade creativa, a uns prezos que van dos dous aos 3,50 euros.

Co fin de fomentar o uso de produtos autóctonos e de proximidade, todas elas inclúen, cando menos, un produto pertencente a algunha das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de Galiza.

Así, entre as opcións máis atractivas para o gran público poden estar, entre outros, o lingote de vitela sobre tosta de pan artesán galego que ofrece por dous euros A Nave de Vidán ou o crocante de algas con escuma de mexilón da Casa dos Xacobes.

Todas están dispoñíbeis para a súa consulta no Tapasporte, un documento que pode conseguirse de balde na oficina de turismo da Rúa do Vilar ou na sede da Asociación Hostalaría Compostela, na rúa das Salvadas. Ademais, pode descargarse tanto da páxina web do Santiago(é)Tapas como da app oficial do evento, quedamosdetapas.

O Tapasporte ofrece, asemade, suxestións de rutas de tapas e cócteis, e tamén serve para que os locais participantes lle poñan un selo a todos os clientes que consuman os petiscos, podendo así optar a numerosos premios, como entradas para Cineuropa, viaxes no tren turístico, vales de compra no Mercado de Abastos, ceas para dúas persoas, noites de hotel ou, incluso, un voo en ultralixeiro pola Costa da Morte.

Moitas gañadoras

Será o propio público quen escolla as finalistas do certame, votando polas súas tapas e cócteis favoritos a través dos pousavasos oficiais que atoparán nos locais participantes, depositando o seu voto nas urnas correspondentes.

Haberá, polo tanto, un premio do público á tapa creativa e un premio do público á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un. Así mesmo, premiaranse dous cócteis, un creativo e un clásico, con 500 euros cada un.

Ademais, un xurado profesional seleccionará as dez mellores tapas dos premios Santiago(é)Tapas, que competirán de novo na final do 6 ao 8 de decembro. A elección das tapas gañadoras dos premios Santiago(é)Tapas 2019 entre as finalistas farase mediante a ponderación da valoración do xurado profesional e a puntuación media obtida dos votos populares, outorgando un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500 euros; e un premio á maridaxe, con 500 euros en producto e un showcooking.

Alén todo iso, o gañador do premio Santiago(é)Tapas que obteña unha maior puntuación do voto ponderado do xurado e do público representará Compostela no concurso De tapas por Galiza, organizado por Turismo de Galiza.