Compostela terá 50 novas prazas de aloxamento estudantil

Antonio López e Goretti Sanmartín, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
Comisión entre o Concello e a Universidade

O Concello e a Universidade de Santiago de Compostela abordaron esta terza feira a posibilidade de que a institución académica subscriba, en coordinación co Goberno local, acordos con entidades interesadas en promover residencias para o estudantado

De tal maneira, prevese a creación de 50 prazas de aloxamento –25 en inmóbeis situados na zona vella, afectados polo plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica– en cuartos individuais ou dobres e que teña servizos básicos como acceso a Internet, cociñas, salas de usos múltiples e de estudo, lavandarías, etc.

Este é un dos puntos tratados onte nunha xuntanza da comisión de seguimento do protocolo entre USC e o Concello á que asistiron representantes das dúas entidades.

Ambas as partes tamén acordaron traballar na redacción dun convenio único para realizar prácticas no Consistorio, coa intención de axilizar e mellorar a súa xestión. Uns 150 estudantes solicitan este tipo de formación na Administración local. 

Por outra parte, a comisión de seguimento tamén definiu os primeiros eixos temáticos dos seus grupos de traballo específicos, sobre xestión administrativa e transferencia do coñecemento, o plan especial do campus, a delimitación patrimonial e viaria e sobre obras e infraestruturas que as institucións teñan que acometer de maneira conxunta.