Compostela renderá unha homenaxe veciñal ao ex fiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz

Grupo impulsor do acto de recoñecemento do ex fiscal xeneral do Estado esta quinta feira en Compostela (Foto: Europa Press)

Representantes de distintos ámbitos da sociedade compostelá chamaron a participar o vindeiro 23 de abril nun acto de “recoñecemento e agarimo veciñal” ao ex fiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz. A homenaxe celebrarase na Casa das Máquinas, no barrio de Galeras, e quere destacar tanto a súa traxectoria profesional como a súa vinculación persoal coa cidade de Santiago.

Representantes de distintos ámbitos da sociedade compostelá fixeron un chamamento á cidadanía de Santiago de Compostela para participar o próximo 23 de abril nun acto de “recoñecemento e agarimo veciñal” ao exfiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz. O encontro terá lugar na Casa das Máquinas, situada no barrio de Galeras, ás 19 horas, e foi presentado esta quinta feira polo grupo promotor da iniciativa. Entre os impulsores figuran o historiador Lourenzo Fernández Prieto; a historiadora e ex concelleira nacionalista Encarna Otero; o catedrático Manuel López Rivadulla; o economista e ex portavoz parlamentario do PSdeG Xoaquín Fernández Leiceaga; e o tamén economista e ex deputado do BNG Xesús Veiga Buxán. Tamén forma parte da organización a politóloga Marta Lois, ex portavoz de Sumar no Congreso, que non puido asistir á presentación.

No acto participarán, entre outras persoas, o ex director do IES Rosalía de Castro Ubaldo Rueda, representantes da Unión Progresista de Fiscais, integrantes do Ateneo de Santiago, o ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio López e a actriz Patricia Lourenzo, do grupo Chévere. Ademais do propio García Ortiz, está previsto que tome a palabra a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín.

Durante a presentación, celebrada na cafetería Airas Nunes, Encarna Otero salientou o carácter “claramente veciñal” do acto e subliñou que estará “aberto a todo o mundo” para agradecer a Álvaro García Ortiz que escollera Compostela como lugar para vivir. Pola súa parte, Lourenzo Fernández Prieto definiu a iniciativa como “un recoñecemento cívico a un amigo, a un veciño, a un paisano” que desempeñou “un papel moi relevante” tanto como fiscal de Medio Ambiente na Galiza como máis tarde á fronte da Fiscalía Xeral do Estado.

Fernández Prieto puxo en valor a proximidade de García Ortiz durante a súa etapa en Santiago, onde era habitual velo en centros educativos, na praza de abastos ou percorrendo a cidade, ademais de colaborar con distintos colectivos e asociacións. “Moita xente atopou nel un interlocutor amable e experto, e iso é o que nos une neste recoñecemento”, sinalou o historiador, quen asegurou que o ex fiscal xeral se atopa “satisfeito, encantado e abraiado” pola celebración deste acto.

Na actualidade, García Ortiz exerce como fiscal na Sección do Social do Tribunal Supremo, despois de que o pasado ano fose condenado a dous anos de inhabilitación e ao pagamento dunha multa por un delito de revelación de segredos relacionado co caso de Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Unha condena que se produciu malia que durante o litixio non se mostrou ningunha evidencia que certificase a súa culpabilidade. Así, recentemente, A Fiscalía solicitou ao Tribunal Constitucional a anulación desa condena.