Compostela valora recorrer a negativa da Xunta a declarala 'zona tensionada'

Iago Lestegás (Foto: Arxina).
Iago Lestegás ve "intencionalidade política" no accionar da Xunta

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, tal e como xa avanzara a alcaldesa Goretti Sanmartín na xornada previa, ratificou en comparecencia pública que a capital galega "non desiste nin vai desistir da declaración de zona de mercado residencial tensionionado". 

Lestegás  cualificou a decisión da Xunta da Galiza de dar por desistida a solicitude de zona de mercado residencial tensionado -argumentando que a documentación achegada polo Concello non é válida-, como "unha decisión política" que dá mostra de que "ao Partido Popular non lle interesa conter o prezo do alugueiro en Santiago".

Este reiterou que a capital, ademais de cumprir os requisitos para a declaración de zona de mercado residencial tensionado, acreditou con claridade o seu cumprimento. Neste sentido, volveu lembrar que "só cos datos do IGVS que incluímos na diagnose e na memoria xustificativa abonda para declarar o noso municipio zona de mercado residencial tensionado, porque, entre 2019 e 2024, o prezo medio do alugueiro medrou 40,5% en Santiago, mentres que o incremento do IPC foi de 20,8%. Duplicamos o incremento do IPC”.

Segundo Lestegás, "a Xunta non pode denegar" a súa solicitude porque "acreditan" o cumprimento dos requisitos legais, e por iso optou "por deixala no limbo". 

"Se a decisión fose técnica ou xurídica”, argumentou o concelleiro, "habería máis motivación na resolución que na nota de prensa, pero é exactamente ao revés, e isto evidencia a intencionalidade política dunha decisión do Partido Popular que prexudica a veciñanza de Santiago e, sobre todo, ás persoas que pagan ou pagarán un alugueiro", insistiu.

"As 13 páxinas do escrito enviado polo Concello, fronte ás exiguas tres follas da moi parca resolución de desistencia, enviada pola Xunta amosan unha notábel diferenza na importancia que uns e outros lle damos a este procedemento", apostilou.

Ademais, o edil anunciou que desde o Pazo de Raxoi non desbotan "ningunha opción" para continuar con ese procedemento e acadar así a a declaración de zona de mercado residencial tensionado, aludindo tanto á posibilidade de recorrer como a outras accións en paralelo.

Finalmente, Lestegás tratou de desmontar as principais cuestións que a Xunta esgrime na comunicación pública como "eivas" da solicitude. Deste modo, fixo fincapé en que "o feito de que as medidas correctoras xa estean en execución non significa que non vaian contribuír a aliviar o tensionamento do mercado residencial", cuestión que "non foi un problema na Coruña", aproveitando, asemade, para negar que o cambio na definición de gran posuidor -que pasaría de 10 a cinco inmobles- "só vaia afectar a 100 vivendas".

A Xunta deféndese

Pola súa parte, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, insistiu en que Santiago de Compostela "non presentou a documentación requirida".

Esta dixo que o Concello "tiña 30 días para achegar os papeis", e que ela mesma contactou coa alcaldesa, pero "presentaron unha contestación" na que "continuaban sen achegar" os papeis esixidos.