Sanmartín resposta á negativa da Xunta á zona tensionada para Compostela: “Ao PP non lle interesa conter os prezos do aluguer”
A alcaldesa compostelá sinala que “a principal vítima” da negativa do Goberno galego á solicitude de Compostela para ser zona residencial tensionada “é a veciñanza”.
“Santiago non desiste nin vai desistir da solicitude de zona de mercado residencial tensionado (ZMRT)”. Así principia a resposta da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín á decisión da Xunta da Galiza de dar por desistida a solicitude do Concello de declarar a cidade como zona tensionada.
A rexedora afirma, ademais, que “unha vez máis”, a decisión da Xunta “chegou antes á prensa que ao Concello” o que para Sanmartín demostra “unha clara intencionalidade política” na resolución.
“É evidente”, afirma a alcaldesa, que “ao PP non lle interesa que se conteña o prezo do aluguer en Compostela”. Por iso, prosegue a rexedora nacionalista, “a Xunta non quere aprobar a declaración”.
Mais, engade, “como non pode denegala [a declaración de ZMRT), pois cumprimos os requisitos, deciden deixar no limbo a nosa solicitude”. Para Goretti Sanmaratín “a principal vítima desta decisión da Xunta é a veciñanza de Santiago”.
A Xunta deu por desistida a solicitude do Concello porque afirma que o Goberno local non deu "resposta válida" ao requirimento de emendar e completar a documentación.
Isto implicará reiniciar o proceso, segundo informa esta terza feira a Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas través dun comunicado, xa que o Goberno local "poderá volver presentar" a petición coa documentación que esixía a Administración autonómica "para que poida ser tramitada adecuadamente".
Raxoi enviara o pasado maio os informes para solicitar a declaración, pero a comezos de xuño o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) respondeu a comezos de xullo que estes "non se axustan" á lei estatal e que o Concello debía "emendar deficiencias".
O Goberno local entendía que a súa documentación estaba completa e, ao longo de xullo, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, remitiu un escrito ao IGVS no que defendía os informes xa feitos, aínda que si incluía algunha aclaración sobre os datos empregados.