Dependencia

Compostela multa a concesionaria do SAF por infraccións "graves e reiteradas"

A concelleira María Rozas. (Foto: Europa Press)
É a segunda sanción imposta polo Goberno local á empresa.

O Concello de Santiago de Compostela aprobou unha sanción de 20.000 euros á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por incumprimentos "graves e reiterados" no recollido no contrato, con "situacións que non son tolerábeis neste tipo de servizo". Segundo explicou esta segunda feira a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, o seu departamento constatou que se están producindo situacións "que non son permisíbeis nun servizo tan sensíbel como este, que afecta tanta xente vulnerábel".

Lembrou ademais que esta non é a primeira multa, xa que o ano pasado o Goberno municipal impuxo unha de 6.000 euros que se fixo efectiva en agosto. Agora, apuntou, a sanción será de 20.000 euros, "non porque os incumprimentos sexan diferentes, senón porque son reiterados, a pesar da primeira sanción". Farase efectiva na próxima factura, na que se detraerá a citada cantidade.

Entre os incumprimentos esgrimidos polo Goberno local, atópanse os "atrasos inasumíbeis" nas altas das persoas usuarias, cunha media de 22,5 días cando o estipulado é que se formalicen nun máximo de catro días. Con todo, destacou, hai altas que se atrasan até catro meses.

Tampouco se está cumprindo, explicou, coas modificacións dos servizos dos usuarios —horas solicitadas ou tipo de servizos—, que deben completarse en 24 horas e que presentan un tempo de demora de até oito meses.

O mesmo ocorre co seguimento dos usuarios, "que non se está realizando". "Non imos permitir que se preste un servizo en condicións precarias a menores ou dependentes, mais tampouco queremos permitir que as condicións das traballadoras, que son maioritariamente mulleres, sexan cada vez máis precarias e inxustas", defendeu.