Galiza mobilízase en apoio a Palestina

As crianzas palestinas levan décadas sufrindo a violencia de Israel. (Foto: Nós Diario).

O movemento de solidariedade con Palestina organiza nesta segunda feira senllas concentracións en Compostela e Ourense.

A compostelá Praza do Toural acolle esta segunda feira, ás 20 horas, unha mobilización apoio a causa do pobo palestino. A mobilización está convocada pola Asociación galaico árabe Jenin, que agrupa a parte da comunidade Palestina na Galiza, o colectivo Galiza por Palestina e a entidade internacionalista Mar de Lumes.

A convocatoria esténdese a Ourense, á mesma hora de hoxe, fronte á Subdelegación do Goberno español e co mesmo obxectivo.

Unha nova fase

A convocatoria desenvólvese tres días despois de que o conflito entre Palestina e Israel entre nunha nova fase, após responder a resistencia palestina as agresións de décadas do Estado sionista.

A comunidade palestina na Galiza observa con preocupación o desenvolvemento dos acontecementos e apoia as accións desenvolvidas pola resistencia.

Saffa

O veterano militante da causa palestina, residente na Galiza desde hai décadas, Mohamed Saffa, sinalaba a Nós Diario que “sabemos que imos pagar un prezo moi alto”, pero “estamos mandando unha mensaxe clara ao futuro de que non hai vitorias nin derrotas eternas e nós seguimos con capacidade para resistir e para vencer”.

Saffa recoñeceu a este medio que que “estamos como palestinos moi contentos con esta acción, coa resposta e coa capacidade para resistir que está amosando nestas xornadas o noso pobo”.