Por unha Compostela libre de apostas

A manifestación decorreu perante locais de casas de apostas da cidade (Arxina)
Un colectivo de mozas e mozos, mais aberto a todas as idades, promove a mobilización que na tardiña de onte levou á Alameda compostelá as voces de ducias de persoas contra o negocio das apostas. 

Detrás da convocatoria está a asemblea Compostela Sen Apostas, nacida o pasado mes de outubro para alertar do impacto que esta actividade está a ter, sobre todo, nos barrios populares, e que afecta a todas as franxas de idade. "Estes negocios constrúense sobre a pobreza da nosa clase, da clase obreira", expón a Nós Diario Alejandro Suárez, un dos integrantes do colectivo, que avoga pola abolición das casas de apostas e a prohibición do xogo online. 

A protesta –a segunda que promove esta plataforma desde o seu nacemento– suma voces ás que o pasado día 14 reclamaron  na Coruña o fin desta actividade, da man da asociación Fóra Casas de Apostas!, e comparte tamén obxectivos e reivindicacións, máis alá das relativas ao do xogo: a busca de alternativas de ocio saudábeis e non mercantilizadas para a mocidade. 

"A do xogo é unha praga a día de hoxe, que está acosando, en especial, as mozas e os mozos cunha publicidade invasiva e enganosa", lamenta Suárez, que alerta do "bombardeo constante" nas radios, en internet e tamén desde os partidos de fútbol, do que se presenta "como unha alternativa de ocio que realmente non é tal". 

Sensibilización e propostas de ocio "digno" para a mocidade

Nese sentido, Compostela Sen Apostas reclama un ocio "digno", que se afaste do consumo e que permita a mocidade "desenvolverse en ambientes que non estean mercantilizados", como pode ser a través do deporte. 

Na mesma liña, quere desenvolver accións de sensibilización para dar "outro punto de vista sobre este negocio" sobre todo en idades temperás. A ollos das integrantes do colectivo, a oferta para xogar online nestas franxas de idade resulta "especialmente preocupante, porque non existe ningún tipo de control". 

"Calquera acción que supoña regular e non abolir é claramente insuficiente", apunta Suárez, quen defende a prohibición total máis alá das accións para a regularización e limitación desta actividade. Con todo, a asemblea compostelá valora de forma positiva calquera acción que poida "atar as mans destes negocios", como as limitacións anunciadas esta semana polo Ministerio de Consumo, para restrinxir a publicidade do xogo mediante bonos de fidelización. 

 Porén, calquera destes trámites son para a plataforma "trámites" que deben ir encamiñados cara á eliminación dos estabelecementos físicos, as máquinas na hostalería e as páxinas de xogo en internet.