TURISMO

Compostela e a fin do Camiño, historia de dúas cidades

[Imaxe: SG] Exterior do centro de acollida ao peregrino na rúa Carretas.

O Xacobeo 93 supuxo un antes e un despois para o turismo en Compostela. Cada ano chegan máis camiñantes, sobre todo nos meses do verán, 327.378 o pasado ano. A Xunta comezou en 2019 unha campaña para captar máis peregrinas e peregrinos de cara ao Xacobeo 2021. Mentres, voces críticas se alzan na cidade para reclamar un turismo sostíbel e respectuoso. Sinalan a perda de habitantes no casco histórico e a transformación de locais míticos en tendas de souvenirs. Demandan ás Administracións que primen a cidadanía sobre os visitantes. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza.

En 1970 chegaron a Compostela 68 peregrinas e peregrinos, segundo a oficina homónima. Ao baixar a escalinata ao Obradoiro sortearían os coches que circulaban pola praza. Tomando un café no Muelle ollarían o edificio Castromil. A sala Iago aínda proxectaba filmes e no Dubrés a veciñanza do casco histórico facía a compra. En 2018 peregrinaron á capital galega 327.378 persoas. No case medio século entre ambas as datas sucedéronse dúas visitas papais, sete Anos Santos, o primeiro Xacobeo e a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A Xunta de Galiza calcula que no Xacobeo 2021 chegarán 464.000 peregrinos, máis de catro veces a poboación local.

Unha investigación do grupo Galabra da USC, dirixido polo filólogo Elías Torres, amosa como a partir dos 90 muda a percepción de Santiago no imaxinario local, galego e internacional. Pasada a década, o turismo transformouse nun dos motores económicos da cidade, alén da Administración pública, co 90% da poboación traballando no sector servizos. Co impulso do goberno Fraga e o primeiro Xacobeo “o fenómeno do Camiño disparouse”. O seu impacto repercute cada vez máis no día a día de quen habita a cidade.

Un motor económico fonte de debate

Entre 2014 e 2015 case o 60% das e dos composteláns entrevistados por Galabra “gostaban do tipo de turista de Santiago”. “Fixemos un control en 2018 que, sen gran valor estatístico, si amosa un crecente malestar polo turismo, especialmente na zona vella, en San Pedro, Santa Marta ou a Choupana“, conta a Sermos Galiza. Segundo o filólogo, o turismo “está a modificar as rutinas da xente local: acceso aos espazos, restauración, comercios ou bens básicos como o alugueiro”. Apunta un dado: “As persoas visitantes que veñen só coa idea da catedral fan un uso da cidade menor en termos cualitativos e cuantitativos e amosan menos empatía coa cidade”. Con todo, a campaña ao redor do Xacobeo 2021, na que a Xunta investirá 247 millóns de euros, semella apuntar nesa dirección.

José Manuel Rei, presidente de Compostela Monumental, resta importancia ás voces críticas: “Hai catro persoas ás que parece que lles molesta o ruído que fan os peregrinos, falan deles como dunha invasión. Hai que lembrar que boa parte da economía de Santiago, Arzúa, Melide ou Palas depende do turismo. O Estado español é a segunda potencia turística do mundo e Galiza non pode quedar á marxe”. Rey celebra a campaña preparada pola Xunta, “fará que o PIB medre un punto”.

A vicepresidenta da Asociación de Hostalaría Compostela, Rita Sobrado, en declaracións a Sermos Galiza, coincide coa lectura de Torres: “O peregrino fai parte dun turismo de baixo custo. Todo está moi orientado ao peregrino e os que vivimos en Santiago tamén somos cidadáns. As noites de marcha, de ir de viños, están a desaparecer, iso habería que resgatalo”. Como Rei, rexeita falar de turismofobia aínda que apunta a un turismo “sostíbel e compatíbel coa vida dos composteláns”.

Os pisos como negocio

Sobrado tamén reclama apostar nun turismo que pernocte “máis dunha noite”, visite exposicións ou que “non comparta un café con leite entre dúas persoas”. Critica que malia a regulación que impide a apertura de pisos turísticos no casco histórico, moitos operan de forma ilegal. O arquitecto Iago Lestegás aporta a Sermos Galiza dados de pisos turísticos ofertados en Airbnb, a través da web AirDNA: “O 31 de xullo había 907 anuncios e o 71% eran vivendas completas”. No rexistro oficial da Xunta hai 566.

Lestegás engade que “o ingreso medio mensual máximo por piso turístico en 2018 era de 1620 euros, mentres o mínimo, en febreiro, era de 495 euros. Obtéñense máis cartos que cun aluguer convencional mesmo os meses con menor afluencia de turistas”. Para o arquitecto a dependencia de Compostela do turismo debilita a súa economía: “Crea postos de emprego estacionais e precarios”. Lamenta que parte dos visitantes se comportan como se estivesen nun museo ao aire libre: “En Abastos non se pode mercar e cando estou tocando unha foliada téñome atopado cámaras diante da cara”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]