Compostela estuda a implantación da taxa turística

Turistas no Obradoiro

O catedrático de Economía Aplicada e experto en Fiscalidade da USC Luís Caramés apresentou un estudo sobre a taxa turística en Santiago de Compostela, encargado polo Concello. O informe propón un gravame de entre 0,25 e 2 euros por turista e noite segundo a categoría do aloxamento.

O documento conclúe que a implantación deste gravame “sería unha medida apropiada, sempre que se faga dunha maneira proporcionada, tendo en conta as diferentes tempadas e tipos de aloxamento”.

 

Ademais, analízanse diversas posibilidades para que as persoas que visitan a cidade mais non pasan nel a noite contribúan tamén dalgún xeito e achega a proposta de excepcións a excursións escolares e de terceira idade.

 

O proceso de introdución desta taxa debe ir precedido dun diálogo co sector, para amosarlles as razóns que motivarían a medida, explicándolles que o produto da taxa serviría para financiar capítulos vinculados co turismo, de tal xeito que o propio sector se vería directamente beneficiado, defende.

 

O estudo sinala que o estabelecemento da taxa turística noutras cidades europeas non resulta de maneira negativa na cifra de turistas. Segundo o informe, Barcelona incrementou 20 por cento as súas pernoctacións dende a instauración deste imposto.

 

Valoracións políticas

 

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa expresou o rexeitamento da Xunta ao estabelecemento desta taxa turística en Compostela ao considerala "contraproducente" por entender que na Galiza "non se dan os criterios obxectivos para a súa posta en marcha”. Para Rueda, "non é compatíbel co tipo de turismo que está a chegar a Galiza”.

 

Tamén se pronunciou na mesma liña a directora xeral de Turismo, Nava Castro, quen asegurou que non pode implantarse unha taxa turística porque haxa "problemas de saturación" cando Santiago "ten 7.600 prazas" e Barcelona, "porque é co que se compara, ten 76.000 prazas". "Nestes momentos, con datos estatísticos e comparados, non se debe pór".
 

 

Agustín Hernández (PP) considera "lexítima" a proposta, aínda que está "baleira de contido". Aproveitou para acusar Compostela Aberta de trasladar esta cuestión para "ocultar a súa incapacidade" na xestión turística da cidade.

 

O alcalde Martiño Noriega (CA) afirmou respectar a opinión da Xunta e do PP, mais explicou que se trata dun debate que "chegou para ficar e, por sorte, alcanzou Santiago, unha cidade patrimonio da Humanidade e "das máis bonitas de Europa".

 

Francisco Reyes (PSOE) reprochou que non se informase o sector do contido deste informe antes que aos meios de comunicación. "Consideramos que non é a maneira de actuar, sobre todo nunha cuestión que vai necesitar do consenso".

 

Rubén Cela (BNG), que non se pronunciou en contra desta taxa turística, reclamou que o debate se enmarque no Plan estratéxico 2017-2022 para ir da man da Xunta dende o principio. Lembrou tamén que Santiago de Compostela ten pendente definir o modelo de turismo, a busca dunha solución á precariedade e á eventualidade profesionais, a desestacionalización da oferta e solución á saturación da Cidade Histórica.

 

O sector: uns a favor e outros en contra

 

A Asociación de Hostalaría Compostela abre a porta ao debate e non desbota a súa posta en marcha “vinculada a unha promoción que eleve os resultados da tempada baixa”. Porén, a Asociación de Comerciantes Compostela Monumental rexeita esta medida.

 

O xerente de Compostela Monumental, José Ángel Blanco, manifestou un “non rotundo”. Para este colectivo de comerciantes, só hai xente na contorna da Catedral, mentres o resto está baleiro, polo que negan a saturación. Ademais, destaca que os visitantes españois “non está afeitos ao pago de taxas, e é o turismo que está a subir”.

 

A vicepresidente de Hostalaría Compostela, Rita Sobrado, coincide no diagnóstico de Luís Caramés, en relación á saturación na contorna da Catedral e en canto a que ese abarrote non se traduce en ingresos, alega que “son turistas que veñen con paquetes fechados e non consomen nin compran nada”. Este colectivo defende condicións, de se implantar este gravame, como o seu investimento en accións dirixidas a mellorar os dados da tempada baixa.

 

Considera, aliás, que a taxa non debera cobrarse en tempada baixa, porque as pernoctas son escasas e os hoteis ofrecen descontos altos. A maiores, apoian gravar as empresas que organizan excursións de paquetes fechados, “que non achegan nada á cidade pero provocan a súa saturación”.