Compostela aumenta 73% o orzamento para o Servizo de Axuda no Fogar

Teresa Furelos, María Rozas e Eva María González (Foto: Concello de Santiago).
Os novos pregos do Servizo de Axuda no Fogar permitirán "mellorar a atención ás persoas usuarias, protexer os dereitos das traballadoras, e reforzar a supervisión e control do servizo por parte do Concello". Explicouno a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas.

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Compostela sae a licitación cun orzamento base de 12,7 millóns de euros, por un prazo de dous anos prorrogábel por un ano máis. Así, o orzamento anual do servizo será de 6,3 millóns de euros, fronte aos tres millóns de euros do contrato actualmente en vigor, o que supón un aumento de 73%. 

Os novos pregos do Servizo de Axuda no Fogar permitirán "mellorar a atención ás persoas usuarias, protexer os dereitos das traballadoras, e reforzar a supervisión e control do servizo por parte do Concello". Explicouno a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas.

Desde o Goberno local inciden en que os pregos do SAF introducen tamén novidades no que ten a ver cos recursos humanos. Así, mudan as ratios de persoal de coordinación por número de persoas usuarias: establécese que se o servizo ten entre 200 e 299 persoas usuarias deberá haber 4 técnicos de coordinación, fronte aos 3 previstos na actualidade; e a ese número engadirase un técnico por cada 100 persoas usuarias máis, e non por cada 200 como acontece agora.

695 persoas titulares

O Servizo de Axuda no Fogar conta con 695 persoas titulares, fronte ás 186 de 2015; pero con 1.564 persoas beneficiarias reais, tendo en conta outros membros da unidade de convivencia. As responsábeis técnicas do departamento de Servizos Sociais explicaron esta cuarta feira que o Concello de Compostela vén facendo unha importante aposta por mellorar o SAF, que pasou das algo máis de 53.000 horas de prestación en 2015 a 176.000 en 2023.

Do mesmo modo, incrementouse o orzamento destinado ao servizo. "Así, o SAF poderá chegar a máis veciñanza".