Compostela analiza a realidade das persoas sen fogar e debate o que facer

III Xornadas sobre senfogarismo, esta quinta feira, na capital galega.

 

A problemática do ‘senfogarismo’ volve ser obxecto de debate en Compostela, da man da terceira edición das xornadas sobre a situación das persoas sen fogar, que esta quinta feira decorre na Facultade de Filosofía.

 

Representantes de diversas disciplinas e planos coinciden neste encontro para abordar unha situación que afecta miles de persoas en todo o estado español e que require de intervencións a través de diferentes campos. As xornadas están organizadas conxuntamente pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde do Concello de Santiago de Compostela e a Mesa de traballo para o estudo da situación das persoas sen teito–transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela.
 

Nesta ocasión, o encontro pon o foco na vivenda e dende unha perspectiva multisectorial, da man de responsables e persoal técnico de diversas entidades.


Entre os ponentes e relatores nestas xornadas está Lucía del Río, psiquatra e asesora técnica do Concello na planificación do Centro Municipal de Atención Integral as Persoas Sen Fogar; Miguel Vieito, xurista, investigador en Dereito e asesor técnico do Concello;   Emilio Sola. director de Servicios Sociais do Goberno Vasco; Iria Gippini, coordinadora de Médicos do Mundo Galicia; Ana Pardo Fernández, responsable territorial de Provivienda; Montserrat Martínez Soler, directora da Área de Dereitos Sociais e Servizos ás Persoas do Concello de Terrassa; Ángels Mira Cortadellas, xerente do Instituto Municipal da Vivenda e Rehabilitación de Barcelona (IMHAB), Iago Lestegás, doutor Arquitecto. Membro do grupo de Análise Territorial da USC;  Jorge Duarte, concelleiro de Dereito á Vivenda en Compostela e  Encarna Otero, ex-directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Xunta.