A compostaxe ábrese paso en Pontevedra

Carme da Silva

A Boa Vila xera lixo. Como todas as cidades do país e do mundo. É un dos problemas claves do futuro: que facer con todas esas toneladas de residuos que xeramos diariamente?

En Pontevedra a idea está clara: aproveitar o lixo, reciclalo, facelo útil; ao menos, os residuos orgánicos, aqueles que se poden transformar en compost e voltaren a ser utilizados como abono quer para as zonas verdes da cidade quer para as plantas do fogar. O Concello acaba de implantar a compostaxe no barrio de Monte Porreiro como principal vehículo á hora de as veciñas e os veciños se desfaceren dos seus residuos. Os colectores de toda a vida desaparecerán practicamente do lugar.

 

Tras unha serie de experiencias piloto que foron satisfactorias, o Concello de Pontevedra vén de optar pola decisión de que unha boa parte da súa veciñanza teña que compostar de maneira case obrigatoria. A reciclaxe día a día. Máis de 4.000 veciñas e veciños que viven no barrio de Monte Porreiro verán nas vindeiras semanas como se instalan e constrúen as 25 bases nas que se ubicarán os composteiros comunitarios que abarcarán toda a zona. O plan municipal de residuos estabelece que o bairro xera cada día unha media de 1.840 quilos de biorresiduos, os cales son susceptíbeis de acabar por se converter en compost. A concelleira de Servizos, Carme da Silva, sinalou que o ideal sería que 70 por cento dese volume acabe nos composteiros. Uns 1.200 quilos diarios. Un compromiso adquirido entre Goberno local e dirixentes veciñais, que apoian o plan, e que supervisaron en primeira persoa, xunto cos concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, os puntos nos que se instalarán os colectores ecolóxicos.

 

Representantes veciñais apoian o plano do goberno local

 

Ao longo do 2018 debería completarse a instalación de todos os puntos de compostaxe do barrio. Sendo este un proceso tan participativo coa veciñanza, os habitantes do barrio serán informados “porta a porta”, en palabras de Silva, sobre os cambios que se aveciñan no sistema de xestión de residuos domésticos. Moitos xa os coñecen, ao facer uso xa dos puntos comunitarios xa colocados, pero outros deberán aprender o correcto uso dos composteiros, así como a necesaria separación do seu lixo.

 

Os colectores habituais de reciclaxe non desaparecerán. Todo o contrario. O verde continuará a ser para o vidro, o amarelo para os envases, e o azul para papel e cartón. E onde serán ciscados os restos de lixo que non sexan susceptíbeis de compostaxe? Ao colector de toda a vida, mais estes verán moi minguado o seu número. Tanto é así que pode que o servizo de recollida diaria de lixo acabe por desaparecer e cambiar a súa frecuencia a unha máis lóxica. Se non hai lixo como tal, non hai nada que recoller.

 

O goberno local pontevedrés resolveu a semana pasada a adxudicación do contrato de subministración das trescentas unidades para compostaxe comunitario que se despregarán nos próximos meses quer no barrio de Monte Porreiro quer no de Campolongo, máis próximo ao centro da cidade. Ten un coste de 137.940 euros, e a empresa comprométese a subministrar todos as unidades nun máximo de seis meses, e as garantir durante catro anos.

 

Os colectores habituais de reciclaxe non desaparecerán. Todo o contrario. O verde continuará a ser para o vidro, o amarelo para os envases, e o azul para papel e cartón

 

No caso de Campolongo, prevese que os composteiros dean servizo a unhas 1.700 vivendas, perto de 3.500 veciños que producen máis de medio millar de toneladas de materia orgánica ao ano. Ao igual que en Monte Porreiro, o proceso de instalación das novas unidades vaise realizar aos poucos. As bases son de formigón, teñen que ter un chan drenante, un punto de auga, conexión é rede de saneamento e espazo para entre tres e seis módulos de compostaxe.

 

Cal será o destino de ese compost, de ese abono xerado? A idea é que fique nos propios barrios. Os veciños poderán pedilo para o seu propio uso, coma por exemplo para as macetas dos seus fogares, ou das súas hortas. Da mesma maneira, será utilizado como abono nas zonas verdes de Monte Porreiro e Campolongo, o que ha de conlevar un aforro e uso lóxicos. O traballo extra que realicen os veciños á hora de separar o seu lixo habíase ver así recompensado.